Feijóo propón a equiparación fiscal das familias de dous fillos e das monoparentais coas numerosas

Poio
01 de xullo 2020

A proposta forma parte do programa electoral do Partido Popular de Galicia para o 12 de xullo e compleméntase con outras iniciativas: duplicar a desgravación fiscal na declaración do IRPF para as que teñan tres fillos ou máis, e descontos en todas as peaxes de autoestradas da Xunta e aparcamentos de todos os centros públicos da Xunta para vehículos de familias numerosas  

Acto electoral de Alberto Núñez Feijóo en Poio Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, propuxo a equiparación fiscal das familias de dous fillos e das monoparentais coas familias numerosas.

A proposta forma parte do programa electoral do Partido Popular de Galicia para o 12 de xullo e compleméntase con outras iniciativas: duplicar a desgravación fiscal na declaración do IRPF para as que teñan tres fillos ou máis e descontos en todas as peaxes de autoestradas da Xunta e aparcamentos de todos os centros públicos da Xunta para vehículos de familias numerosas.

Ademais dixo que volverán a "recalcular" a renda das familias numerosas para todas as axudas públicas.

O anuncio fíxose no transcurso dun "acto sectorial de familia" organizado polo Partido Popular, celebrado este mércores na localidade pontevedresa de Poio e no que tamén participou a conselleira de Política Social e candidata, Fabiola García. "É un dos actos que máis me gusta" admitiu Núñez Feijóo "porque se percibe que a política pode ser útil", engadiu.

Ademais Feijóo tamén expuxo a idea de "convencer ás empresas grandes" ofrecendo incentivos para que poñan servizos de atención aos fillos dos seus empregados, co que espera chegar a unhas cen compañías na próxima lexislatura.

Outras "medidas innovadoras" que avanzou foron: impulsar "máis opcións" para que coidadores poidan atender aos menores nos seus domicilios, o "reforzo para as familias madrugadoras" ou dotar ás aldeas de máis "casa niño". Ademais enmarcou na conciliación familiar as políticas dirixidas ás persoas maiores cunha "estratexia para a atención á soidade", programas de voluntariado para acompañar aos maiores, autobús de coidado "porta a porta" ou o reforzo da teleasistencia domiciliaria, entre outras propostas.

"Nas políticas de familia en España a referencia é a comunidade autónoma galega", proclamou Feijóo.

Para o candidato popular "a maneira de resolver os problemas reais da xente" é para el "unha definición bastante razoable da política". Por iso, incidiu en que "a política non pode pensar que a familia é algo arcaico, tradicional ou conservador, porque a familia é a que dá cohesión á sociedade".

"Pola propia supervivencia do pobo de Galicia as familias son clave", asegurou.

Boa parte do discurso do candidato á reelección dedicouse a "render contas" da xestión levada a cabo. Neste repaso, Núñez Feijóo destacou que "somos a única comunidade autónoma que ten escola infantil gratuíta para o segundo e sucesivos fillos, un fito en políticas de conciliación" ademais citou iniciativas como a " tarxeta benvida", as "casas niño" a construción en marcha de sete residencias de maiores, e sinalou que "cando chegamos ao goberno había 12.000 prazas públicas de gardería e agora hai 25.000" e "triplicamos o número de prazas en centros de día".

"Aprobaremos a primeira e única Lei de Impulso Demográfico de España", comprometeu o líder dos populares galegos. 

Finalmente tamén anunciou que "queremos acabar a próxima lexislatura co dobre de prazas de gardería das que propón a Unión Europea", que sitúa unha porcentaxe de cobertura de escolas infantís do 33%.