Feijóo e Carmela Silva piden responsabilidades polo peche de sucursais bancarias no rural

Pontevedra
14 de agosto 2021

O presidente da Xunta asegura que non é competencia do Goberno galego establecer unha normativa que determine as oficinas bancarias nas localidades menos poboadas A presidenta da Deputación responsabiliza a Feijóo "desta desfeita" despois de "impoñer como impuxo a desastrosa privatización das Caixas"

Oficina de Abanca

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixéronse eco do enfado xeneralizado da poboación galega coas entidades financeiras, especialmente con Abanca, debido ao peche de oficinas en distintas localidades que está a deixar sen servizo a moitos veciños, fundamentalmente do rural.

O titular do Executivo galego, defendeu este venres en Pontevedra que en España debería existir "unha normativa para regular e fixar un mínimo de presenza do sistema financeiro nos pobos, con independencia do número de persoas censadas". "Pero isto non é competencia das comunidades", advertiu.

As entidades retiran oficinas e caixeiros "non comparto esas decisións", dixo Feijóo, antes de remarcar que, ao seu modo de ver, este tipo de cuestións "deberían de ter un mínimo de regulación".

O presidente da Xunta asegurou "comprender" que "as comisións bancarias non son o que eran, os tipos de interese na contorna de cero e as dificultades do sistema bancario para manter as oficinas", pero insistiu en que, ao seu xuízo, debería articularse algunha normativa para que en pobos con menos habitantes "haxa polo menos un caixeiro para poder retirar diñeiro en metálico".

Dito isto, lembrou que en Galicia, para tratar de paliar este tipo de cuestións, sacouse unha liña de colaboración cos concellos, co fin de poder "ofertar condicións de espazo e económicas" para repoñer caixeiros en pobos que xa non dispoñen deste servizo.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esixiu ao presidente da Xunta a buscar solucións inmediatas a este peche continuado de sucursais bancarias nos concellos do rural galego ao considerarlle "o responsable do que está a pasar, unha desfeita que deixa a boa parte da veciñanza sen un servizo indispensable para a súa vida cotiá". 

Silva instou a Núñez Feijoó a dar explicacións "da súa inacción" neste tema "amparándose na teima de sempre de dar unha patada cara arriba e dicir que hai que cambiar a lexislación, cando é o responsable último do que está a ocorrer despois de impoñer, como fixo, a privatización das caixas de aforros que foi un completo desastre como agora se está a demostrar. De aqueles polvos veñen agora estes lodos", subliñou.

A presidenta provincial considerou, por elo, que Feijoó "está obrigado a buscar saídas que freen esta sangría. Non podemos esquecer que en Galicia había caixas de aforros que eran unha garantía de servizos no territorio pero que como Caixa Galicia estaba en bancarrota Feijoo obrigou ás caixas da provincia, que eran solventes, a ir a un proceso de fusión abocado ao fracaso que foi e que tivo como consecuencia a privatización". 

"Este peche de agora, dixo, ven daquela decisión do presidente da Xunta. Por iso ten que dar explicacións, asumir responsabilidades e buscar solucións", concluíu Carmela Silva.