Feijóo dá por superada a fase aguda da crise e pide levantar restricións por territorios

Pontevedra
15 de abril 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que "estamos a conter a pandemia" xa que "Galicia foi capaz de dobregar a curva" e superouse "o pico" da pandemia rexistrado o pasado 5 de abril. Dito isto instou a todos "a non caer en triunfalismos con 391 galegos falecidos"

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que "estamos a conter a pandemia" xa que "Galicia foi capaz de dobregar a curva" e superouse "o pico" da pandemia rexistrado o pasado 5 de abril. Dito isto instou a todos "a non caer en triunfalismos con 391 galegos falecidos".

Segundo informou o xefe do Executivo galego, despois da reunión do comité clínico asistencial, o Goberno autonómico acordou desactivar a fase aguda da crise sanitaria e baixar o nivel de alerta á fase dúas (de contención da pandemia) e dá por desactivada a fase tres (centrada na atención e xestión de espazos de hospitalización e UCIs).

A día de hoxe Galicia rexistra un 74% menos de novos contagios respecto ao pico da epidemia e un 28% menos de pacientes ingresados na UCI. Feijóo indicou que xa non será necesario activar os hospitais de campaña (previstos en Expocoruña e no Multiusos Fontes do Sar), pero advertiu que "non se pode baixar a garda".

A finais da próxima semana a Xunta iniciará un estudo epidemiolóxico propio sobre a poboación galega para calcular a porcentaxe de persoas contaxiadas e cantas poderán estar inmunizadas. Neste sentido, compráronse 30.000 test de dobre banda, que serven para identificar non só aqueles casos nos que o virus está activo senón tamén ás persoas inmunizadas.

Será un estudo adicional ao que levará a cabo o goberno de Pedro Sánchez.

"Non toda España é igual, as consecuencias non son as mesmas e a porcentaxe de inmunidade é distinto. Con todos estes datos débese valorar se algunhas zonas ou concellos non convén esa desescalada ou si", dixo.

O presidente da Xunta quere que se levanten as restricións por territorios para que poida iniciarse a "desescalada" e abordar "a nova normalidade, porque moitas cousas non serán como eran antes, polo menos ata que a comunidade científica teña unha vacina eficaz".

Insistiu en que é partidario de que os nenos poidan saír á rúa sempre que vaian acompañados e durante unhas horas ao día, unha decisión que depende do Goberno central e que "a Xunta non pode resolver unilateralmente", sinalou Feijóo.

RESIDENCIAS

Respecto a a situación que se está vivindo nas residencias de maiores da comunidade, Feijóo explicou que ao 40% do total de 22.000 usuarios cos que contan, xa se lles realizou un test e o índice de casos positivos é do 4% cunha taxa de mortalidade do 0,7% (inferior á porcentaxe nacional que supera o 2%).

CRISE ECONÓMICA

Finalmente, o presidente da Xunta anunciou que o comité de expertos encargarase de "analizar os posibles escenarios de saída da crise tendo en conta a previsión de caída do PIB e dos ingresos tributarios, o seu impacto no déficit publico e o incremento da débeda pública" ademais de que propoñerán "novas medidas económicas, laborais e fiscais para a reactivación económica".