O xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou este xoves o Colexio Froebel de Pontevedra, acompañado por María José Gómez, conselleira de Medio Rural, para presentar un programa de consumo de froita e leite entre a comunidade escolar.
Durante a visita, Pérez Ares destacou que as obras de mellora no centro están practicamente rematadas, situando o estado da reforma nun 97%.
Só resta a conexión ao gas cidade, pendente de que a empresa concesionaria presente a licenza correspondente no concello para acometer esta obra.
O xefe territorial expresou a súa satisfacción polo nivel de calidade acadado nas reformas, subliñando a ausencia de humidades na cuberta renovada,
O representante da Xunta apuntou a que estes días de chuvias intensas "comprobamos que efectivamente non hai ningún tipo de humidade, cousa que é moi importante", xa que antes das obras acometidas durante os últimos meses, o patio interior e os corredores laterais presentaban continuas filtracións de auga cando se rexistraban fortes precipitacións.
Tamén destacou a mellora lumínica do patio, que agora conta con nova iluminación eléctrica e unha mellor entrada de luz natural a un espazo que é empregado para múltiples actividades por parte do alumnado.
Na fachada principal do colexio Froebel están a acometerse durante estes días as obras para crear dúas saídas de emerxencia ás instalacións do Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra situado baixo o centro escolar.
Pérez Ares tamén anunciou o inicio inminente das obras de ampliación da Escola de Educación Infantil Crespo Rivas, cun investimento de 721.000 euros e un prazo de execución de cinco meses.
A ampliación engadirá 245 metros cadrados ao centro, incluíndo unha sala de usos múltiples, unha aula de desdobre, unha sala de profesores e cuartos de instalacións.