"Fartos dos cheiros e das pragas" nove meses depois do incendio de Pontesa, os veciños claman solucións

Pontevedra
20 de agosto 2023

A veciñanza quéixase do deixamento de todas as administracións, pois "pásanse a pelota de uns a outros e xa está". Non poñen nome aos culpables, pero consideran que "teñen que asumir responsabilidades, non hai dereito". Pensaron en crear unha asociación para lograr unha solución. De momento, empezaron polas pancartas

Veciños e veciñas que residen próximos á nave de Pontesa colocaron pancartas de protesta Mónica Patxot

Transcorridos nove meses desde o incendio que afectou ás instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontevedra na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, a veciñanza das poboacións próximas continúa a sufrir as consecuencias. Seguen a marcar o seu día a día en foma de cheiros, pragas de insectos e ratas de grandes dimensións e xa están fartos. 

"Fartos dos cheiros e das pragas da Pontesa", di unha pancarta feita a man situada nunha ponte fronte á fábrica. Resume o sentir da veciñanza desta zona de Ponte Sampaio próxima á illa do Medal, e tamén de poboacións veciñas como Arcade ou Paredes, en Soutomaior e Vilaboa, que tamén está a padecer consecuencias similares. 

A práctica totalidade das casas da zona teñen pancartas similares ou pedindo "Solucións Pontesa" e non hai día que veciños e veciñas non falen deste tema. É suficiente con abrir a porta ou unha fiestra para sentir os malos cheiros, que "algúns días son insoportables", e para ver "bichos por todas partes". 

O incendio tivo lugar o domingo 6 de novembro de 2022 e desde entón, ningunha administración buscou unha solución á súa situación. 

A veciñanza quéixase do deixamento de todas as administracións, pois "pásanse a pelota de uns a outros e xa está". Non poñen nome aos culpables, que poden ser Costas do Estado, Industria da Xunta ou o Concello de Pontevedra, pero consideran que "teñen que ser responsables e actuar". 

"Teñen que asumir responsabilidades, non hai dereito", piden veciños e veciñas, que mesmo pensaron en crear unha asociación para loitar por unha solución. De momento, empezaron polas pancartas. 

Semanas atrás, o novo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, deu a coñecer un informe da Policía Local que conclúe que os malos cheiros e as pragas de insectos e ratas seguen afectando ás 200 familias que viven na contorna da nave. A poboación da zona pensa que esas familias mesmo poden ser máis, pois "dependendo de como sopre o vento, cheira máis para unha zona ou para outra". 

Así, "cheira mal sempre", sosteñen, "todos os días". A diario, os cheiros procedentes do cereal que ardeu na nave e que continúa dentro das instalacións chegan ás súas casas, "sobre todo pola mañá", pero hai xornadas nas que "dura todo o día".

Nesas ocasións, "non podemos nin abrir as fiestras, pois se as tes abertas e entra o cheiro, despois non hai maneira de sacalo", relatan despois de máis de nove meses nesta situación. 

Os malos cheiros son os que chegan máis lonxe, a poboacións situadas a varios quilómetros de distancia, pero máis molestos son os insectos. Nas últimas semanas prolifera un que os veciños afirman que é "a pulga do cereal" e que se pega ás portas, fiestras e paredes, de tal maneira que non poden nin abrir as súas casas, pois entran e "métense en todas partes". 

Unha veciña relata que, cando abre un paquete de galletas, ten que metelo despois nun bote de cristal, para evitar que ao día seguinte estea cheo de insectos. O mesmo lle pasa coa cama, pois é habitual que haxa estes bichos nos medios das sabas, ou cos mobles da cociña. 

Hai días que "non podemos nin estar fóra da casa", relatan. Así, unha veciña indica que "entre o cheiro e que veñen os mosquitos, non podemos nin estar un rato fóra a tomar o fresco", unha situación que afecta, por exemplo, a persoas maiores enfermas que viven na zona, para as que sería beneficioso poder gozar do aire fresco. 

Outro problema son as ratas de grandes dimensións que hai na contorna da nave "porque alí teñen moito que comer". Cando saen a camiñar pola zona ou a correr polas Salinas do Ulló, "aparecen eses animais xigantes" e pasan moito medo. 

Ademais, pregúntanse que pasará con esas ratas cando non teñan que comer na nave. "Onde se van meter? Van vir buscar comida aquí?". 

Nos últimos días constataron que a cantidade de cereal acumulada na nave diminuíu. "Están sacando moito", señalan, aínda que non existe confirmación oficial da cantidade xa retirada. Hai que lembrar que o tellado tiña amianto e, cando ardeu, toda esa substancia acabou no cereal alí almacenado, de modo que a súa retirada é unha tarefa moi delicada. 

Arquivado en