Familia de Mallorca, detectada de vacacións no Morrazo aproveitando que un membro viña facer un curso

Pontevedra
05 de febreiro 2021

A Policía Local de Marín tramitou diversas denuncias aos integrantes desta familia por incumprir tanto o límite perimetral da comunidade autónoma e dos concellos, como por non terse dado de alta no rexistro de visitantes que a Xunta de Galicia ten habilitado por decreto

Policía Local de Marín realizando controis Policía Local de Marín

Son residentes en Mallorca pero levaban desde o 1 de febreiro pasando as vacacións nunha vivenda de Cela, en Bueu. A Policía Local de Marín detectaba nas últimas horas aos integrantes desta unidade familiar que se dedicou a saltarse os peches perimetrais ao longo da semana.

Cando foron preguntados polos axentes, o home da familia explicou que veu a Pontevedra para realizar un curso de recuperación de puntos do carné de conducir, debido a que na súa cidade natal non tiña cita en datas próximas para poder acudir ao curso de formación. E con el veu toda a súa familia a Galicia para tomarse uns días de descanso e sen ter en conta os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias.

O home, segundo a comprobación policial, tiña como datas de matrícula do curso os días 4 e 5 de febreiro pero non para toda a semana que a familia aproveitou para permanecer no Morrazo e movéndose por diferentes municipios. Ademais, segundo aclaran desde a Policía Local de Marín, a realización do curso non pode ser unha excepción ás restricións vixentes dado que teñen na súa propia provincia a posibilidade de realizar ese labor académico. 

En todo caso, a escusa podería contemplarse para a persoa que estaba matriculada para realizar o curso e non para toda a familia que viaxou con el, lembran os axentes.

Por este motivo, o corpo de seguridade local tramitou dúas denuncias contra esta familia mallorquina por incumprir o límite perimetral da comunidade autónoma e dos municipios, e unha terceira por non darse de alta no rexistro de visitantes que a Xunta de Galicia habilitou por decreto.

A familia regresará este sábado a Mallorca.