Falta concienciación social para entender a importancia da reanimación básica

Pontevedra
16 de outubro 2023

Segundo o Consello Europeo de Reanimación Cardiopulmonar, unicamente un 53% das persoas que sofren un paro cardíaco recibe manobras precoces de Reanimación Cardiopulmonar Básica (RCP)

Obradoiro de RCP básica Mónica Patxot

Segundo o Consello Europeo de Reanimación Cardiopulmonar, unicamente un 53% das persoas que sofren un paro cardíaco recibe manobras precoces de Reanimación Cardiopulmonar Básica (RCP).

Os profesionais sanitarios coinciden en que aínda falta concienciación social para entender a importancia da reanimación básica, xa que saber estas manobras e actuar de forma precoz pode salvar vidas, de aí a conmemoración de xornadas como o de hoxe Día Mundial do Paro Cardíaco.

En Pontevedra, os profesionais sanitarios dos Servizos de Medicina Intensiva e Pediatría do Complexo pontevedrés impartiron este luns obradoiros de RCP básica á poboación en xeral nas entradas principais do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial.

A doutora Ana Ortega Montes, intensivista do Hospital Montecelo, explica que "o obxectivo desta iniciativa é divulgar entre toda a poboación as manobras de reanimación cardiopulmonar básica, de xeito que calquera poida aplicar uns primeiros auxilios no caso de paro cardíaco ou dun infarto".

ATENCIÓN TEMPERÁ DO HOSPITAL PROVINCIAL

Por outra banda, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a implementar obras de readaptación e mellora de espazos na Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil do servizo de Rehabilitación no Hospital Provincial. 

Dado que este espazo onde habitualmente se realizan os tratamentos de terapia ocupacional e fisioterapia no Hospital Provincial permanecerá inactivo durante a execución da obra, cara a manter a actividade asistencial da Unidade de Atención Temperá a Área Sanitaria trasladou temporalmente dende este luns a un espazo provisional emprazada en dependencias da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra.

Os horarios das terapias mantéñense sen variación, salvo excepcións que se comunican persoalmente polos terapeutas. O acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe realízase a través da rotonda da entrada principal, indicando o nome do paciente ao persoal de seguridade que o solicite. Dentro deste recinto existen zonas de estacionamento onde os familiares poden aparcar o seu vehículo mentres os pacientes permanecen nas terapias.

Para calquera dúbida sobre este traslado provisional, habilitouse o teléfono de contacto e información 986 807 118, a disposición de familiares e interesados.