Falecido un motorista de Marín nun accidente na N-541 en Tenorio

Cerdedo-Cotobade
13 de xaneiro 2023
Actualizado: 12:13

Un veciño de Marín de 52 anos faleceu na mañá deste venres tras sufrir un accidente de moto. O motorista circulaba en sentido Pontevedra-Ourense cando, segundo confirmou a Garda Civil, sufriu unha saída de vía. Foi evacuado en ambulancia ao Hospital Montecelo, onde se confirmou o seu falecemento

Moto accidentada na N-541 en Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

Un veciño de Marín de 52 anos faleceu na mañá deste venres tras sufrir un accidente de moto en Cerdedo-Cotobade.

O accidente produciuse pouco despois das nove e media da mañá na estrada N-541 ao seu paso pola parroquia de Tenorio, nun tramo en curva no quilómetro 82,800.

O motorista circulaba en sentido Pontevedra-Ourense cando, segundo confirmou a Garda Civil, sufriu unha saída de vía

Nun primeiro momento, tras a caída, foi evacuado en ambulancia ao Hospital Montecelo, onde se confirmou o seu falecemento.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o home caeu da moto e estaba liberado e accesible á chegada dos efectivos de emerxencias e foi trasladado con vida, pero máis tarde faleceu. 

Desde o 112 Galicia mobilizouse ata o lugar a Urxencias Sanitarias-061, a Garda Civl de Tráfico, Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e Emerxencias A Estrada.

ENVORCO DE VEHÍCULO

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, sobre as 7.30 horas deste venres produciuse outro accidente en Cerdedo-Cotobade, unha saída de vía con envorco de vehículo. 

Ocorreu na estrada EP-7103 e nun primeiro momento pensouse que era necesario mobilizar aos bombeiros de Deza para liberar a unha persoa, pero finalmente non foi preciso porque non estaba atrapada.

Deuse a circunstancia de que nese momento pasou polo lugar unha ambulancia do 061 e xa atendeu á persoa afectada, que presentaba unha forte dor na cabeza.