Faleceu Jorge Canda, ex alcalde da Lama

A Lama
01 de setembro 2024

O Concello da Lama decreta tres días de loito oficial. A corporación municipal e os veciños únense á familia nestes momentos de dor polo falecemento do que fora rexedor municipal desde o ano 1995 ata o 2023

Jorge Canda, alcalde de A Lama Concello de A Lama

O alcalde do Concello da Lama, David Carrera, acaba de decretar tres días de loito oficial e a colocación de bandeiras a medio mastro con crespóns negros polo pasamento de Jorge Canda Martínez, quen fora rexedor deste municipio no periodo comprendido polos anos 1995 e 2023. 

A noticia do falecemento de Canda Martínez foi recibida con gran pesar pola veciñanza que une a súa dor á da familia do ex mandatario lamense.

O óbito produciuse sobre as catro da madrugada a consecuencia dunha longa doenza.

Os restos mortais velaranse a partir das 10 da mañá no Tanatorio San Mauro, de Pontevedra, co fin de que aquelas persoas que o desexen poidan darlle o derradeiro adeus e amosarlle as súas condolencias á familia.

O funeral celebrarase mañá luns 2 de setembro, ás 19 horas, na igrexa parroquial de San Salvador da Lama e posteriormente terá lugar a incineración na estricta intimidade familiar.

Dende o Concello da Lama destacan que "Jorge Canda deixa unha profunda pegada entre a veciñanza da Lama e un profundo respecto entre o mundo político comarcal e provincial xa polo seu talante e afabilidade así como pola súa capacidade de traballo e compromiso co futuro da Lama".

TRAXECTORIA POLÍTICA

Canda Martínez comezou a súa militancia política no ano 1986 no CDS e foi candidato á Alcaldía da Lama por este partido en 1987.

Posterioremente, pasou ao PSdeG-PSOE como independente, e nas eleccións municipais de 1991 quedou a trece votos de lograr a Alcaldía, que conseguiu nas de 1995 encabezando a lista socialista, e chegando ao goberno mediante un pacto cunha forza independente de Gregorio Justo que lle permitiu substituir a Manuel Rial González ao fronte do Concello.

Nas eleccións municipais de 1999, encabezou de novo a candidatura do PSdeG-PSOE e acadou a maioría absoluta, co que continuou como alcalde. Posteriormente, por desavinzas coa dirección desta formación política, Jorge Canda e todo o seu equipo de goberno pasáronse ao grupo mixto e, en 2002, formalizaron o seu ingreso no PPdeG.

Nas municipais de 2003 encabezou a lista do PPdeG, coa que foi reelixido por maioría absoluta. Volveu ser elixido con maioría absoluta nas sucesivas eleccións, incluíndo as de 2019, e deputado na Deputación de Pontevedra no periodo 2015-2017.

Nos comicios do 2023, integrou a lista liderada por David Carrera Cal, o actual alcalde da Lama, que tamén accedeu ao cargo ao lograr 7 dos 11 concelleiros da corporación municipal.