Falecen dúas persoas, ambas de 88 anos, no Hospital Montecelo con covid-19

Pontevedra
30 de xullo 2021

A estas dúas vítimas comunicadas este venres pola Consellería de Sanidade súmase unha muller, de 92 anos de idade, que falecía no Complexo Hospitalario da Coruña. Cos dous falecementos das últimas horas, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés chega á cifra de 184 mortes causadas pola pandemia

Hospital Montecelo Cristina Saiz

Unha muller de 88 anos e un home da mesma idade, diagnosticados por coronavirus, falecían nas últimas horas no Hospital Montecelo de Pontevedra, segundo o parte ofrecido pola Consellería de Sanidade este venres 30 de xullo.

As dúas vítimas presentaban enfermidades previas nos seus expedientes clínicos. Con estas dúas mortes, a cifra de persoas falecidas a partir do inicio do plan de continxencia ascende a 184.

Desde que comezaron a rexistrarse datos da evolución da pandemia, nesta área sanitaria de Pontevedra-O Salnés curánronse 15.748 pacientes que pasaron a enfermidade, 177 máis durante a última xornada.

A estas dúas mortes hai que sumar outra vítima con covid-19 en Galicia, comunicada este venres polas autoridades sanitarias. Trátase dunha muller, de 92 anos, que perdía a vida no Complexo Hospitalario da Coruña. Tamén contaba con patoloxías previas no seu historial médico.

No conxunto da comunidade, o número de decesos por esta enfermidade sitúase en 2.460 persoas. Desde que comezaron a detectarse casos, en Galicia curáronse 134.418 persoas, segundo os datos facilitados pola Consellería que dirixe Julio García Comesaña.