​Falecen dous mozos nun accidente de tráfico entre dous coches en Marín

Marín
08 de decembro 2023
Actualizado: 09 de decembro

Dous mozos menores de idade faleceron na noite deste venres nun accidente de tráfico rexistrado na zona de Coirados. O sinistro consistiu na colisión frontal entre dous vehículos e, ademais das dúas vítimas mortais, hai unha persoa ferida en estado grave. Os dous falecidos e a ferida circulaban no mesmo vehículo

Accidente de tráfico con dous menores mortos en Marín EFE / Sxenick

Dous mozos menores de idade faleceron na noite deste venres nun accidente de tráfico rexistrado en Marín, na zona de Coirados. O sinistro consistiu na colisión frontal entre dous vehículos e, ademais das dúas vítimas mortais, tamén hai unha persoa ferida en estado grave e outra de carácter máis leve.

O sinistro produciuse ás 21.23 horas deste venres no quilómetro 1,400 da estrada PO-313, á altura da farmacia de Coirados, entre Marín e Moaña. 

Segundo a información facilitada polo Concello de Marín, un vehículo Golf circulaba en sentido ascendente cando o seu condutor perdeu o control do coche, de tal maneira que un vehículo que circulaba en sentido descendente non puido esquivalo e chocaron de fronte. 

Os dous falecidos tiñan 16 e 17 anos, eran veciños de Marín e circulaban no asento traseiro do Golf. Tamén resultou ferida unha moza que viaxaba no asento do copiloto deste vehículo. Esta rapaza resultou ferida de carácter grave e tivo que ser trasladada ao hospital. 

O condutor deste vehículo, un mozo de 20 anos, atópase en bo estado. Deu negativo na proba de alcool e drogas, segundo a información facilitada pola Policía local de Marín.

Tamén se atopan en bo estado os dous ocupantes do segundo vehículo.

Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos das policías Local e Nacional de Marín, ademais da Garda Civil de Tráfico, persoal do 061, Bombeiros do Morrazo, membros de Protección Civil de Cangas e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio aos familiares das vítimas, segundo a información facilitada polo 112.

As dilixencias serán instruidas pola Policía Local de Marín.

 O Concello de Marín fixo público un comunicado no que lamentan "enormemente" esta "tráxica nova" e trasladan as súas condolencias a familiares e seres queridos dos dous falecidos.