Falece unha muller por covid en Montecelo, tras 13 días sen vítimas mortais pola pandemia na área sanitaria

Pontevedra
20 de abril 2021

Trátase da única vítima mortal en Galicia pola enfermidade comunicada pola Consellería de Sanidade durante este martes 20 de abril. A paciente, de 94 anos, contaba con patoloxías previas

Zona de urxencias no Hospital Montecelo Mónica Patxot

Unha muller de 94 anos de idade falecía nas últimas horas no Hospital Montecelo como consecuencia da infección por coronavirus, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade este martes 20 de abril. A muller contaba con enfermidades previas no seu historial médico.

Desde o 7 de abril non se rexistraran decesos motivados pola pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esta paciente convértese na vítima 169 desde o inicio do plan de continxencia nos hospitais desta zona da provincia.

Desde o inicio deste plan do covid-19 curáronse 12.693 pacientes, 37 máis durante a última xornada.

A morte da muller de 94 anos é a única que comunicaba a Consellería de Sanidade durante este martes en toda Galicia debido ao coronavirus. 

En Galicia rexistráronse, con este falecemento, 2.376 mortes desde que comezaba a pandemia. 355 pacientes en residencias e 431 en hospitais e residencias integradas, segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde. 

As autoridades sanitarias anuncian que este mércores administraranse ao redor de 38.000 dose da vacina Pzifer nas sete áreas sanitarias de Galicia, tanto en grandes recintos como en hospitais e centros de saúde.