Unha muller de 73 anos, que se atopaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, converteuse na vítima número 26 do covid-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde que comezou a pandemia. O último falecemento por esta causa producírase en Montecelo hai cinco días e, neste caso, tratábase dun home de 62 anos.
Este caso súmase ao doutras oito persoas que perdían a vida durante as últimas 24 horas en Galicia e que foran diagnosticadas por coronavirus.
Ao caso de Pontevedra únese un home de 62 anos que se atopaba ingresado no Complexo Hospitalario de Ourense. procedente da residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar; unha muller de 84 anos e un home de 68 que se atopaban no Complexo Hospitalarios de Santiago; un home de 80 anos, ingresado no Complexo de Vigo; dúas mulleres de 94 e 95 anos que falecían na residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar; unha muller de 93 anos falecida na residencia Val de Monterrei; e un home de 95, que perdía a vida na residencia DomusVI de Oleiros.
Todos eles, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), sufrían enfermidades previas. Estes nove falecidos, cinco deles vencellados a residencias, sitúan en 831 a cifra de vítimas mortais en Galicia.