Falece unha muller de 72 anos por covid en Montecelo, vítima 176 na área sanitaria

Pontevedra
18 de maio 2021

A Consellería de Sanidade notificaba catro mortes que se produciron durante os últimos tres días en Galicia afectadas pola covid-19. Todas as vítimas por coronavirus contaban con patoloxías previas. A cifra de persoas falecidas desde o inicio da pandemia na comunidade autónoma ascende a 2.409 persoas

Vacinación no Recinto Feiral de Pontevedra

Unha muller de 72 anos de idade falecía o luns 17 de maio no Hospital Montecelo, diagnosticada con coronavirus, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade este martes. Segundo as mesmas fontes, contaba con enfermidades previas no seu historial clínico.

Con esta morte, desde o inicio da pandemia, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés faleceron 176 pacientes. A anterior vítima no tempo producíase o venres 14 no Hospital do Salnés. Tratábase dunha muller de 102 anos de idade que presentaba patoloxías previas. Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.458 pacientes, 22 máis durante este martes que na xornada de luns.

OUTRAS TRES VÍTIMAS EN GALICIA

A Consellería de Sanidade tamén facilitaba este martes a información sobre a morte doutras tres persoas con coronavirus, unha vez confirmados os datos por  Saúde Pública. Trátase dun home de 86 anos que falecía no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) o sábado 15 e dunha muller, de 64 anos, que perdía a vida o domingo no mesmo centro.

O luns 17, ademais da vítima pontevedresa, tamén falecía un home de 95 anos no Complexo Hospitalario de Ourense. Con estas mortes, o número de vítimas en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 2.409 persoas.

A Consellería non facilita información sobre se as persoas falecidas atopábanse vacinadas. Sanidade entende que é un dato  confindencial e que non desvela a causa da morte, ao sinalar que a causa da morte púidose producir por outra patoloxía e non necesariamente por covid-19. 

PREVISIÓNS DE VACINACIÓN NA ÁREA SANITARIA

Este mércores 19 está previsto que no Recinto Feiral de Pontevedra se vacinen 3.100 persoas con Pfizer. Trátase de poboación con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos que recibirá a segunda dose desta vacina. 1.800 persoas están convocadas pola mañá e 1.300 pola tarde.

No Recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa están convocadas, durante a mañá, 600 residentes para recibir a segunda dose de Pfizer. Tamén se trata de poboación con idades entre os 70 e os 79 anos.

Durante a tarde, o SERGAS convocou a 300 persoas, poboación de 60 a 65 anos, que recibirán  AstraZeneca tamén en Fexdega.