Un accidente laboral producíase na tarde deste mércores 28 de febreiro nas instalacións do Grupo Nogar, situadas na parroquia pontevedresa de Campañó.
Un operario caía do tellado das instalacións, arredor das 15.45 horas, cando realizaba unha reparación perdendo a vida, segundo información facilitada pola Policía Nacional.
Un particular solicitou axuda urxente para o traballador que se precipitaron do alto do tellado, situado a uns 15 metros de altura, segundo o 112 Galicia.
Este espazo é o centro loxístico de Cicasa, pertencente ao grupo empresarial marinense que realiza actividades portuarias e comercio marítimo. O recinto antes era coñecido como a fábrica da Cross.
Ao lugar do accidente acudían efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das lesións provocadas pola caída, só puideron certificar o falecemento do home.
Ata a zona tamén se desprazaban efectivos da Policía Local de Pontevedra e axentes da Policía Nacional, corpo que se encarga de efectuar a investigación sobre as circunstancias do tráxico accidente para determinar as causas da caída.