Falece un home de 92 anos por coronavirus en Montecelo

Pontevedra
28 de novembro 2021

O  Servizo Galego de Saúde comunicou o falecemento no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) dunha persoa que fose diagnosticada de coronavirus. Con esta morte xa son 206 os falecementos rexistrados durante a pandemia asociados ao virus nesta área sanitaria

Hospital Montecelo Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde comunicou o falecemento no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) dunha persoa que fose diagnosticada de coronavirus.

Trátase dun home de 92 anos, que presentaba patoloxías previas.

Con esta morte xa son 206 os falecementos rexistrados durante a pandemia asociados ao virus nesta área sanitaria.

O anterior deceso notificado polo Sergas nesta área sanitaria remóntase ao pasado martes 28 de setembro. Tratouse dunha muller de 89 anos que se atopaba ingresada en Montecelo, tamén con enfermidades previas no seu historial clínico.

O SERGAS ESPERA O PICO DA ONDA EN DÚAS OU TRES SEMANAS

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, explicou que prevén o pico da sexta onda de COVID para dentro de "dúas ou tres semanas", aínda que se mostrou cauto e lembrou que o comportamento do coronavirus é moi variable e "poderían influír" diferentes aspectos como as reunións en espazos pechados.

"Evidentemente, todas as medidas anteriores que funcionaron, son medidas que en calquera momento poden estar outra vez en vigor para tratar de paliar a expansión do virus", avisou o xerente do Sergas.

José Flores fixo estas declaracións este domingo nunha entrevista concedida a Radio Galega na que foi preguntado pola nova variante surafricana, sobre a que destacou a necesidade de "esperar" para "non alarmar á sociedade". "Non sabemos exactamente de que se trata nin se a vacina a cubre", comentou.