A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma a súa vítima 170 desde que comezou o reconto de persoas falecidas con motivo da pandemia. Este mércores a Consellería de Sanidade notificaba o falecemento dunha muller de 101 anos, que perdía a vida no seu domicilio no Concello de Poio.
Esta morte rexistrábase o luns 19 de abril, pero ata a xornada de hoxe non se puidera certificar por Saúde Pública que a morte fóra como consecuencia de covid-19. A muller, segundo o Servizo Galego de Saúde contaba con outras enfermidades no seu informe médico.
A última vítima na área sanitaria producíase durante a xornada deste martes no Hospital Montecelo, cando unha muller de 94 anos falecía con patoloxías previas debido ao contaxio por coronavirus.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 12.701 pacientes, oito máis que na xornada anterior, nesta zona da provincia.
Por outra banda, a Consellería de Sanidade informaba tamén da morte neste mércores 21 de abril dunha muller de 84 anos, que perdía a vida no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Tamén presentaba outras enfermidades na súa historia clínica.
Con estes dous novos falecementos, o número de decesos en Galicia desde que se comezaron a rexistrar as mortes por covid-19 ascende a 2.378 persoas.