Falece o soldado Iván Mejuto Rodríguez, da Brilat, nun accidente de tráfico en Soria

Pontevedra
19 de outubro 2023

O militar residente en Pontevedra estaba destinado no Grupo de Artillería da Brigada Galicia VII e perdía a vida a primeiras horas da tarde deste xoves ao envorcar o camión militar que conducía despois de perder o control e saír da vía cando circulaba polo municipio de Langa de Duero

O soldado Iván Mejuto Rodríguez Ejército de Tierra

O soldado Iván Mejuto Rodríguez, destinado no Grupo de Artillería da Brigada Galicia VII, con base no cuartel de Figueirido, falecía na tarde deste xoves nun accidente de tráfico que se rexistraba no municipio soriano de Langa de Duero.

O mozo conducía un camión militar de regreso á Base Xeneral Morillo despois de realizar as manobras anuais Gamma Azor 23 en Zaragoza, nas que participaron arredor de 2.500 militares.

Por causas que investiga a Garda Civil, ao redor das 15.15 horas o condutor perdía o control do vehículo que se saía da vía envorcando no quilómetro 244,70 da N-122 cando circulaba en dirección a Valladolid.

O acompañante que viaxaba no vehículo, o sarxento Raúl Molina Descalzo, resultou ferido de gravidade. Tamén está destinado na mesma unidade, o Grupo de Artillería de Campaña VII, segundo comunica o Ministerio de Defensa. Permanece ingresado no Hospital Universitario de Burgos.

O soldado Iván Mejuto Rodríguez era natural da Coruña, residía actualmente na cidade de Pontevedra. Ingresou no Exército de Terra o 23 de outubro de 2006, tras superar a fase de instrución básica militar. Estivo destinado na Academia de Artillería de Segovia e no Grupo Loxístico VII da propia BRILAT.

Foi condecorado coa Cruz de Bronce da Cruz á Constancia no Servizo, a Medalla Conmemorativa da Operación BALMIS polo seu traballo realizado durante a loita contra a pandemia da covid-19 e a Cruz ao Mérito Militar con Distintivo Branco.

O Exército de Terra lamentou a través das redes sociais o falecemento do militar e traslada o pésame á familia, amigos e compañeiros.