Falece Jorge Casal, o primeiro alcalde que tivo Meis na democracia

O Salnés
18 de maio 2022

Foi elixido rexedor de Meis nas eleccións municipais de 1979, ás que se presentou como candidato de Coalición Democrática. Mantívose no cargo, xa nas filas do PP, ata 1999. O Concello decretou tres días de loito oficial no municipio, no que Casal, ademais de como alcalde, exerceu como profesor no colexio de Mosteiro

Jorge Casal, ex alcalde de Meis, no homenaxe que recibiu en 2019 PontevedraViva

Jorge Casal, o primeiro alcalde que tivo o municipio pontevedrés de Meis durante a democracia, faleceu este mércores aos 94 anos de idade.

Foi elixido rexedor de Meis nas eleccións municipais de 1979, ás que se presentou como candidato de Coalición Democrática. Mantívose no cargo, xa nas filas do PP, ata 1999.

O Concello decretou tres días de loito oficial no municipio, no que Casal, ademais de como alcalde, exerceu como profesor no colexio de Mosteiro.

Foi "mestre de moitas xeracións", destacou a actual alcaldesa, Marta Giráldez, que trasladou á familia do falecido o agarimo e o respecto de todos os veciños de Meis.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que Jorge Casal "foi un gran servidor público" que dedicou toda a vida aos seus veciños e ao seu pobo, facendo chegar "todo o meu agarimo" aos seus seres queridos e aos habitantes do municipio.

O ex alcalde, homenaxeado en 2019 coa inauguración dunha rúa que leva o seu nome, será enterrado mañá xoves, ás sete da tarde, no cemiterio de San Vicente de Nogueira.