A veciña de Poio de 81 anos atropelada o pasado xoves 1 de decembro nun paso de peóns da avenida de San Xoán faleceu como consecuencia das feridas sufridas no accidente.
Tal e como puido saber PontevedraViva, e confirmou a Policía Local de Poio, a muller faleceu este sábado, tras dous días ingresada moi grave no hospital.
A muller foi atropelada sobre as 9:45 horas do xoves nun paso de peóns da estrada PO-308. O condutor deu negativo na proba de alcol.
A Policía Local continúa coa instrución das dilixencias policiais sobre o accidente. De momento seguen en curso e ao longo da xornada deste domingo os axentes tomaron declaración a varias testemuñas do accidente e tamén ao propio condutor do vehículo implicado.
De momento, das investigacións realizadas, a Policía Local de Poio sostén que un dos factores influentes no accidente foi o cegamento do sol.
As dilixencias remitiranse ao Xulgado de Garda de Pontevedra unha vez finalizadas.