Fabiola García celebra os 20 anos do Centro de Día de Sanxenxo

Sanxenxo
28 de novembro 2024
Actualizado: 19:08

Este centro de atención a persoas maiores atende a preto de oitenta persoas e conta cunha lista de espera de 26 veciños

Celebración do 20 aniversario do Centro de Día de Sanxenxo Xunta de Galicia

O Centro deDía Municipal 'Virxe do Carme' de Sanxenxo celebrou este xoves o seu vixésimo aniversario cun acto no que participaron usuarios, familiares, traballadores e representantes institucionais.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, asistiu á celebración, destacando o centro como "exemplo" de servizo pensado para garantir o benestar das persoas maiores.

Durante o acto, Fabiola García felicitou ao equipo do centro e puxo en valor o traballo realizado ao longo destas dúas décadas, asegurando que "este centro leva vinte anos sendo un modelo de atención integrale plural para os maiores de Sanxenxo e da comarca".

A conselleira subliñou que este tipo de servizos permiten que os maiores reciban coidados e terapias durante o día, mentres seguen vivindo nos seus fogares. Ademais, apostou por ampliar a carteira de servizos para que os maiores poidan elixir como desexan vivir esta etapa das súas vidas.

O alcalde, Telmo Martín, lembrou emocionado como xurdiu a idea de crear o Centro de Día na súa anterior etapa como rexedor, destacando que "coidar dos que nos coidaron" foi sempre unha prioridade.

Martín revelou que máis de 350 familias se beneficiaron deste servizo ao longo dos anos e que, na actualidade, o centro atende a preto de 80 persoas usuarias.

En todo caso, o alcalde lamentou a existencia dunha lista de espera de 26 persoas e pediu á conselleira que siga apoiando os maiores de Sanxenxo.

Un dos momentos máis entrañables da celebración foi a entrega de agasallos elaborados polos usuarios máis veteranos do centro á conselleira, ao alcalde e á concelleira.

Ademais, un familiar dunha usuaria, Juan Alarcón, destacou o papel fundamental do servizo na conciliación familiar, asegurando que "este centro ofrécenos tranquilidade e felicidade porque sabemos que os nosos maiores están ben atendidos".

O evento pechouse cunha sesión de música e baile, nun ambiente festivo.

Visita da conselleira Fabiola García ao Centro de Día de SanxenxoXunta de Galicia