Extinguido un incendio nunha nave industrial en Santa María de Xeve

Pontevedra
09 de novembro 2024
Actualizado: 13:51

O incendio producíase no lugar da Igrexa e non se rexistraron danos persoais, afectando a un camión e unha pá excavadora

Parque de Bombeiros de Pontevedra Mónica Patxot

Na mañá deste sábado 9 de novembro, un incendio declarouse nunha nave industrial situada no lugar da Igrexa, na parroquia de Santa María de Xeve, no municipio de Pontevedra.

O servizo de emerxencias do 112 Galicia recibiu o aviso ás 08:22 horas, alertando da presenza de moito fume saíndo do interior da nave.

Os bombeiros do Parque Municipal de Pontevedra desprazáronse rapidamente ao lugar dos feitos, onde tamén acudía o propietario da instalación, pertencente á empresa Montajes Iglesias.

Afortunadamente, a localización da nave, sen vivendas nas proximidades, minimizou o risco de afectación a terceiros.

O incendio, que provocou danos un camión e unha pá escavadora bulldozer, foi extinguido arredor das 09:30 horas, segundo o 112

Un terceiro vehículo tamén quedou afectado pero sen sufrir graves incidencias.

Tras a extinción, os bombeiros procederon a ventilar o recinto para eliminar os restos de fume.

Segundo os primeiros datos facilitados polo Concello de Pontevedra, non se rexistraron danos persoais.

As causas do incendio aínda están por determinar.