Expropian tres parcelas para unha nova conexión entre a Avenida de Vigo e Campolongo

Pontevedra
26 de outubro 2021

A rúa da Corva conectará con Urbano Lugrís para mellorar a permeabilidade e comunicación da cidade, concretamente entre a avenida de Vigo e Campolongo. Será grazas á expropiación de tres parcelas que permitirán crear esta nova conexión entre as dúas áreas urbanas

Punto no que conectarán a Rúa Urbano Lugrís coa Rúa da Corva Concello de Pontevedra

A rúa da Corva conectará con Urbano Lugrís para mellorar a permeabilidade e comunicación da cidade, concretamente entre a avenida de Vigo e Campolongo. Será grazas á expropiación de tres parcelas que permitirán crear esta nova conexión entre as dúas áreas urbanas.

Son uns terreos que, segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, non teñen "demasiada importancia". Suman 634,74 metros cadrados e serán expropiadas por 37.011,60 euros, un prezo "moi razoable", engadiu.

A expropiación destas parcelas permitirá permeabilizar e conectar os traballos que se están a realizar na zona de Campolongo, dentro do centro de recursos educativos da ONCE, co instituto Torrente Ballester e a avenida de Vigo, a través das rúas Urbano Lugrís e San Brais.

"Esta zona do municipio quedaría a nivel de infraestruturas viarias perfectamente incorporado dentro da cidade", subliñou o responsable municipal de Mobilidade.

Demetrio Gómez indicou que "é un momento importante para facelo" porque a ONCE está executando, dentro do que foi o seu colexio, as obras para crear a nova vía que xunta a rúa da Corva con Alfonso X, nunha zona que "gañará protagonismo".

Seguindo o convenio firmado pola ONCE, a través da cláusula cuarta, o Concello poderá esixir que esta unión sexa creada na primeira fase das obras.

Na actualidade está a ser realizada unha negociación coa empresa que está a realizar as obras na zona e, nos vindeiros días, o Concello agarda poder achegar máis información sobre cando quedará aberto este novo paso.