Xa está a exposición ao público o estudo de detalle dun equipamento para a actividade de hostalería e restauración incluído no proxecto de acondicionamento do paseo Alcalde Blanco.
O estudo de detalle, que acaba de ser aprobado de maneira inicial, ten como obxectivo o establecer as aliñacións, rasantes e volume do devandito equipamento.
A previsión de altura máxima deste local sería de cinco metros e de acordo ao proxecto de acondicionamento do paseo tería unha superficie construída de 105 metros cadrados. Por tanto, un tamaño similar á outra instalación de hostalería actualmente situada no devandito paseo.
O orzamento que se destinaría a este equipamento dentro do proxecto global de acondicionamento do paseo, sería de aproximadamente 180.000 euros.
Dita instalación iría situada ao final do paseo e antes propiamente da punta final, que pretende reservarse para esparexemento, zona de descanso e dunha especial visión da contorna e da ría.
Esta instalación vai formar parte dun proxecto global de acondicionamento do paseo Alcalde Blanco que ten un orzamento total de 1,3 millóns de euros.
Esta actuación foi incluída dentro da programación dos fondos DUSI Marín 2020, unha mellora que se pretende expor, incluíndo a finalización do propio paseo que está inconcluso na súa punta e que se proxecta mellorar para intensificar o seu uso, a instalación de espazos de esparexemento, aproveitar as súas potencialidades e unha integración do centro urbano co mar que potencie este gran espazo de paseo, lecer e goce.