Expertos europeos definen a Pontevedra como "o futuro da seguridade viaria urbana"

Pontevedra
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Para Antonio Avenoso, director da Axencia Europea de Seguridade Viaria, visitar Pontevedra é estar "como nun soño" porque considera que as actuacións de transformación realizadas na Boa Vila son "o futuro da seguridade viaria urbana"

Antonio Avenoso, director da Axencia Europea de Seguridade Viaria Concello de Pontevedra

Para Antonio Avenoso, director da Axencia Europea de Seguridade Viaria, visitar Pontevedra é estar "como nun soño" porque considera que as actuacións de transformación realizadas na Boa Vila son "o futuro da seguridade viaria urbana".

Así o destacou tras completar a estancia de dous días que os membros do proxecto EU Road Safety Exchange, xestionado pola Comisión Europea, completaron en Pontevedra para afondar e comprender os elementos que fixeron posible a súa transformación urbana.

"A idea do proxecto é doada: coñecer as boas prácticas nos países da Unión Europea e como aplicalas a outros países", sinalou Avenoso, que asegurou que os impulsores de este proxecto, con dezanove países involucrados, viviron esta visita á cidade do Lérez con "enorme sorpresa".

O director desta axencia europea afirmou que Pontevedra ten a seguridade e a mobilidade viaria "como debería ser en todos os países e cidades do mundo".

A este respecto, asegurou que "quero que todos os socios desta da Unión Europea poidan ver cos seus ollos o que Pontevedra fixo", celebrando especialmente a convivencia entre peóns e os vehículos ou a mínima presenza de coches nas entradas dos colexios.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engadiu que "a impresión que eu teño, logo de conversar e falar con eles, e que consideran que a Boa Vila é un bo exemplo non só na teoría, senón tamén na práctica", polo que mostrou a súa satisfacción.