Expertos en política urbana visitan Pontevedra para comprobar os investimentos de fondos europeos

Pontevedra
25 de novembro 2021

Estes visitantes, chegados de diferentes puntos de Europa, como Letonia, Romanía, Polonia, República Checa, Bélxica e Francia; percorreron diversos puntos. Trátase de socios dun proxecto de cooperación interrexional (Interreg Europe), liderado polo Eixo Atlántico para presentar propostas de mellora para os instrumentos de financiamento da política urbana con fondos europeos

O alcalde cos socios do proxecto de cooperación interrexional (Interreg Europe) Mónica Patxot

Ao redor de vinte persoas que forman parte do proxecto de cooperación interrexional (Interreg Europe) sobre política urbana, que lidera o Eixo Atlántico, realizaban unha visita este xoves por diferentes puntos da cidade.

Este colectivo ten como fin reforzar e presentar propostas de mellora para establecer os instrumentos de financiamento da política urbana a partir do FEDER, que en España execútanse a través dos fondos europeos EDUSI.

Estes visitantes procedían de diversos países de Europa como Letonia, Romanía, República Checa, Polonia, Bélxica e Francia coa idea de ver Pontevedra como exemplo de organización urbana para o proxecto de colaboración interrexional.

Comprobaron como se realizaron diferentes proxectos na cidade do Lérez con fondos europeos. Acompañados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polos concelleiros Anabel Gulías e Demetrio Gómez, responsables das áreas de Promoción da Cidade e de Mobilidade, realizaron un percorrido pola glorieta de Compostela, a rúa Virxe do Camiño, o barrio de O Gorgullón e polo centro histórico con paradas na ponte do Burgo e no Mercado de Abastos.

Os concelleiros Gulias e Gómez Xunqueira explicaron as actuacións desenvolvidas nestes espazos e responderon as preguntas destes expertos europeos sobre as obras que se realizaron dentro do concepto de modelo de cidade.