Expertos en narcotráfico debaterán en Pontevedra en que punto se atopa a loita contra a droga

Pontevedra
28 de marzo 2023

Este sábado 1 de abril reproducirase o primeiro episodio do documental 'Narcogallegos' no Teatro Principal de Pontevedra ás 20:00 horas e, posteriormente, realizarase unha mesa redonda que tratará 'O Narcotráfico en Galicia en 2023. Como combatelo?'

Presentación de 'Narcogallegos' Concello de Pontevedra

Expertos na loita contra o tráfico de drogas reuniranse o vindeiro sábado 1 de abril no Teatro Principal de Pontevedra para debater sobre o narcotráfico en Galicia e reflexionar sobre a maneira na que combatelo. Será nunha mesa redonda que comezará ás oito da tarde.

Nela, participarán Juan Carlos Aladro, fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra; Emilio Rodríguez, xefe do Greco Galicia da Policía Nacional; Fernando Iglesias, xefe de Vixilancia Aduaneira da Aeat en Galicia; José Tronchoni, director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia; Jaime Iglesias, patrón da Fundación Galega Contra o Narcotráfico; Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, e Víctor Méndez, xornalista de Diario de Pontevedrafundador de Narcodiario e creador de Narcogallegos.

A mesa redonda irá acompañada da proxección do primeiro episodio do documental 'Narcogallegos' 

A entrada ao evento é gratuíta e poderase acceder ao mesmo ata completar a capacidade do teatro. 

Este documental, coproducido por Imaco e Narcodiario, realiza un percorrido moi actualizado sobre o tráfico internacional de cocaína, partindo de Galicia e abrindo o foco ao resto do mundo'. A produción audiovisual contou co apoio da Xunta e dos concellos de Pontevedra e Ribeira. Foi estreada en Cero de Movistar Plus no mes de febreiro de 2022.

Nestes momentos, estase a traballar en posibles acordos para a emisión de dous capítulos de 52 minutos, noutros países do mundo. Os responsables do documental están a xestionar propostas de distintas plataformas a nivel internacional que mostraron o seu interese na emisión do mesmo.

Para finalizar o evento, informarase os asistentes da data e hora de emisión do episodio final do documental, que se prevé que sexa en abril.

Este capítulo irá acompañado dun acto similiar ao do primeiro episodio: a entrada será gratuíta, será un evento aberto ao público e cunha mesa redonda titulada 'Tormenta de alixos de cocaína cara a Europa. Unha cuestión de demanda'.