Éxito de participación na Andaina Camiño Violeta para denunciar a violencia machista

Pontevedra
26 de novembro 2023

As persoas participantes saían ás 09.30 horas deste domingo do Parque da Memoria de Poio para facer un percorrido de 1,7 quilómetros ata chegar ao Concello de Pontevedra. Os alcaldes de Poio e de Pontevedra interviron nesta iniciativa da asociación Asampo que chega a súa terceira edición co propósito de sensibilizar á cidadanía para erradicar a violencia machista

Andaina Camiño Violeta

Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, este domingo centos de persoas reuníanse no Parque da Memoria de Poio, coa idea de participar na terceira edición da Andaina Camiño Violeta.

Esta iniciativa, que organiza a Asociación de Amgios da Pontevedrada (ASAMPO), ten como propósito demostrar o rexeitamento cidadán á violencia machista a través dun acto saudable, que nesta ocasión unía aos municipios de Poio e Pontevedra ao longo dun percorrido de 1,7 quilómetros.

O primeiro tramo establecíase a través da senda litoral da Ostreira pasando polo peirao de Campelo ata chegar á enseada de Lourido. Alí proxectábase unha peza audiovisual elaborada por estudantes do IES de Poio e o Consello Municipal dá Muller deste Concello. O acto finalizaba coa lectura do manifesto de rexeitamento á violencia contra as mulleres. 

Nese punto, participantes do club de Piragüismo de Pontevedra recollían o báculo para trasladalo a Pontevedra. O báculo de madeira leva o nome pirogravado das mulleres asasinadas durante este 2023 como consecuencia da violencia de xénero. 

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiron á cita para saudar aos participantes e promover esta iniciativa na que colaboraron agrupacións como, entre outras, a Asociación Dragón Boat Galicia, a Federación Galega de piragüismo. e a Escola Piragüismo Ciudad de Pontevedra.

Representantes de diversas agrupacións políticas tamén asistían á invitación de ASAMPO, que na zona de Pontevedra, percorría o centro histórico finalizando na Praza de España onde se volvía ler o manifesto reivindicativo.