"Evoluciona favorablemente" o incendio que xa arrasou 380 hectáreas de Pontevedra e Ponte Caldelas

Pontevedra
07 de agosto 2022
Actualizado: 12:05

Medio Rural solicita a desactivación de situación de emerxencia 2 que se adoptou o venres como medida preventiva ante a proximidade do lume a núcleos habitados. Tamén "evoluciona favorablemente" e "cara á súa estabilización", sen riscos para os núcleos de poboación, o incendio de Caldas e Vilagarcía

Terreos devorados polo lume no monte da Fracha Cristina Saiz

O incendio forestal declarado arredor das sete e media da tarde do venres no monte da Fracha "evoluciona favorablemente". Así o confirmou a primeira hora da mañá deste domingo a Consellería de Medio Rural, que mantén o lume como activo. 

Segundo as últimas estimacións realizadas polos técnicos de Medio Rural, o lume afecta a 380 hectáreas, unha cita provisional ata que o lume se dea por controlado e que supón 30 máis durante a noite. No anterior parte oficial, realizado a última hora da tarde do sábado, eran 350 e, con datos das 8.30 horas deste domingo, son 380 

O lume comezou na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, e o o vento estendeuno rapidamente nas primeiras horas cara ao monte de Pontevedra, onde as parroquias máis afectadas foron Ponte Sampaio (fundamentalmente o lugar do Vilar) e A Canicouva. 

A Xunta de Galicia activou o venres para este incendio a situación de emerxencia 2 como medida preventiva ante a proximidade do lume a núcleos habitados. Nun principio, adoptouse pola proximidade ás casas da Canicouva. Na mañá deste domingo, a Consellería do Medio Rural solicitou a súa desactivación porque "o risco xa remitiu".

Ata as 8.30  horas deste sábado a Xunta despregara cinco técnicos, 24 axentes, 58 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, unha unidade técnica de apoio, 8 avións e 10 helicópteros para a extinción do lume. 

Ademais, despregouse neste incendio a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que replegou a media mañá deste domingo, e mobilizáronse voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, Soutomaior e Poio, os bombeiros de Pontevedra e distintos medios municipais dos dous municipios afectados, Pontevedra e Ponte Caldelas, así como axentes da Garda Civil e da Policía Local de Pontevedra e veciños tanto de Pontevedra como de Ponte Caldelas, neste caso, coa presenza do seu alcalde de forma permanente.