Evacuada unha muller de Ribadumia, tras un accidente de tráfico en Barrantes

O Salnés
05 de agosto 2024

O accidente producíase na mañá deste luns 5 de agosto na EP-9305 na parroquia de Barrantes no municipio de Ribadumia. A condutora de 31 anos de idade foi trasladada ao Hospital do Salnés

Outro dos turismos implicados no accidente en Barrantes Servizo de Emerxencias

Unha condutora, que responde ás iniciais S.O.P., de 31 anos de idade e veciña de Ribadumia, foi evacuada e trasladada ao Hospital do Salnés para ser atendida das feridas provocadas nun impacto entre dous turismos durante a mañá deste luns 5 de agosto.

O suceso rexistrouse ao chocar frontolateralmente os dous vehículos nunha intersección da estrada provincial EP-9305 na parroquia de Barrantes, no municipio de Ribadumia.

Ao lugar trasladáronse efectivos do servizo de Emerxencias do Concello de Cambados.

Unha ambulancia do 061 encargouse de mobilizar á muller ferida para unha exploración en profundidade no centro hospitalario.

Tamén interviñeron membros de Protección Civil de Ribadumia, mantemento da Deputación de Pontevedra, Garda Civil de Tráfico e Atestados.