Eva Vilaverde acusa o PP de "magnificar" os problemas de seguridade cidadá en Pontevedra

Pontevedra
17 de abril 2024

Aínda que asegurou "compartir a preocupación" sobre estes altercados, Vilaverde sostivo que os populares, no canto de colaborar na resolución destes problemas en coordinación coas forzas e corpos de seguridade, "tratan de agrandalos"

Eva vilaverde Mónica Patxot

Para a edil Eva Vilaverde, responsable da área municipal de seguridade cidadá, o Partido Popular empeñouse en "magnificar" os problemas de convivencia que se están rexistrando en diversas zonas da cidade de Pontevedra.

Aínda que asegurou "compartir a preocupación" sobre estes altercados, Vilaverde sostivo que os populares, no canto de colaborar na resolución destes problemas en coordinación coas forzas e corpos de seguridade, "tratan de agrandalos".

O goberno municipal, segundo a concelleira do BNG, está a traballar para solucionar esta situación "de maneira discreta" e, a este respecto, lembrou que "xa nos reunimos cos veciños" e abordouse este asunto na recente xunta local de seguridade.

A moción que o PP defenderá no pleno municipal do próximo luns forma parte, lamentou Eva Vilaverde, dunha "estratexia marrulleira" dos populares, xa que o que solicitan "xa o estamos facendo" coa Policía Nacional e a Policía Local.

"Aquí vese a diferenza entre quen busca solucións e quen xera máis problemas", sentenciou a concelleira, que adiantou o resto de asuntos que se abordarán na sesión plenaria do próximo luns, que se celebrará ás 11:00 horas no Teatro Principal.

Así, ademais dunha declaración institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano, debaterase as propostas do PSOE para reclamar a continuidade do paseo a Marín e para implantar programas de formación afectivo-sexual nos colexios do municipio.

Ademais, os populares presentaron senllas iniciativas para declarar como profesión de risco ás forzas e corpos de seguridade do Estado e para iniciar os trámites para a modificación do Peprica, o plan de protección histórico-artístico do centro histórico.

A este respecto, Vilaverde adiantou que os nacionalistas non apoiarán esta última iniciativa porque "nós nos imos votar abaixo un instrumento que permitiu dignificar o centro histórico da cidade" que, ao seu xuízo, "é modélico e é a envexa de moitas cidades".