Eu quedo na casa... e estudo

Pontevedra
18 de marzo 2020

Nestes días nos que a vida se puxo patas arriba. Miles de estudantes afrontan o desafío de seguir coa súa rutina educativa. PontevedraViva meteuse nas súas casas para ver como afrontan estes días de peche.

Unha estudante de Secundaria seguindo o curso pola Aula Virtual PontevedraViva

Nestes días nos que a vida se puxo patas arriba. Miles de estudantes afrontan o desafío de seguir coa súa rutina educativa. PontevedraViva meteuse nas súas casas para ver como afrontan estes días de peche.

Internet é a clave desta educación non presencial. Estamos diante dunha nova forma de impartir docencia e, loxicamente, necesita axustes.

A Aula Virtual do programa Abalar de cada colexio ou instituto, plataformas como Edmodo, aplicacións como Tokapp, os grupos de WhatsApp ou de Instagram e o correo electrónico, convertéronse en ferramentas imprescindibles para posibilitar o traballo do alumnado desde casa.

Atrás quedaron os "madrugones". O espertador xa non soa en casa antes das nove da mañá. Tamén melloraron os almorzos, agora máis relaxados e completos.

No caso do alumnado de Primaria, os colexios achegan desde as súas páxinas web recursos, ideas, propostas ou suxerencias para poder seguir, na medida do posible, o proceso de ensino desde o domicilio. 

Así, Antía cóntanos que cada día visita o blogue da aula onde os profesores deixaron as tarefas, que nalgúns casos teñen que entregar feitas pola tarde. O seu irmán Anxo estuda no instituto e el acode á Aula Virtual. Os profesores menos avezados nesta plataforma xa deixaran deberes para ir avanzando no temario como a elaboración de resumos e esquemas.

Outra estudante, que tamén se chama Antía, engádenos que o de ximnasia envioulles unhas táboas para facer todos os días e que polas tardes ten pasantía por Skype. 

Gardar a disciplina en casa é máis complicado porque hai moitos máis estímulos e esixe unha maior concentración, sempre hai algún asalto á neveira ou alguén que interrompe. Polo que distraerse é fácil.

Moitos se incorporan estes días á corresponsabilidade coas tarefas domésticas e a preparación da comida adoita reunir na cociña aos pequenos da casa.

Curiosamente, moi poucos estudantes ven televisión. E os informativos "agobian" aos máis novos. As formas de lecer mudaron e os rapaces entretéñense con outras pantallas nas que sempre poden manter o contacto cos seus amigos.

Andrea, unha estudante de Secundaria, explícanos que unha parte dos seus profesores "nos suben cousas ou ben todos os días ou só aqueles nos que teríamos clase con eles".

"É de agradecer que suban exercicios, apuntes e demais, xa que vista toda esta situación voltar antes de Semana Santa vai ser complicado ou máis ben imposible, e todo o que fan pois axuda a non perder o hábito de estudo porque a estas alturas sería moi malo perdelo", sinala Andrea.

Como sempre, "hay cosas buenas y malas", e entre as segundas Aroa sinala que algúns docentes "exageran" coa cantidade de tarefas que encargan. "Ante esta situación hai que intentar levar todo o mellor posible", encaixa Andrea con filosofía.

Máis preocupados móstranse os de segundo de bacharelato. Uxío lembra que o alumnado deste curso será "un dos máis afectados" diante do atraso da proba da Abau, a coñecida como selectividade, na que se dirimen as cualificacións coa que cada un pode optar a comezar unha carreira universitaria.

Para os que xa están na Universidade os docentes "están mandando trabajo constantemente al correo" aos seus alumnos. Algúns, mesmo tiveron exames igualmente durante estes días "y están funcionando bastante bien" xa que deste xeito "por lo menos no nos atrasamos", coincide en sinalar un grupo de mozos. 

Outra fórmula elixida para valorar aos estudantes está a ser a elaboración de traballos.

Nalgúns centros, mediante unha videoconferencia, os profesores explicaron o funcionamento do novo sistema por internet. O problema foi que este se colapsou trastornando todos os plans. A falta de pericia e destreza dixital dalgúns profesores tampouco axudou para resolver o problema. Houbo incluso un profesor que, no canto de facilitar as cousas, encargoulles un traballo "en grupo" en pleno confinamento.

A casuística aquí varía, así hai algún docente que se grava na súa casa dando clase, ata aquí todo perfecto, pero a mala calidade dos audios e a forma de explicar do profesor levou a que os alumnos non entendesen algunhas das cousas. Como non era posible preguntar para resolver dúbidas, esta falta de interacción acabou por arruinar esta idea.

A máis aplaudida foi unha profesora que elaborou un power point complementado con audios nos que ela abundaba nas explicacións "a esta profesora querémola todos, porque é a única á que entendemos e coa que non estamos perdidos, ou sexa: grazas "

Hai tamén un gran número de profesores "que no han dado señales de vida".

En cambio outros están a mandar toda a materia de golpe o que "abruma" aos estudantes xerando un "caos". 

Case todo o alumnado universitario coincide en que "seguramente se nos va a hacer todo muy cuesta arriba cuando volvamos y ellos son conscientes de eso". "Vamos a acabar pringando todos por eso" resume un deles con resignación.