Etiqueta Negra, un salón gourmet galego para promocionar "o noso"

Pontevedra
04 de novembro 2016

O gourmet galego é un produto que, segundo o sector, cada vez ten un maior recoñecemento e proxección internacional. A pesar diso, ata agora, non existía en Galicia unha feira que puxese en contacto aos produtores cun público cada vez máis especializado e esixente. Para cubrir ese oco chega Etiqueta Negra, o primeiro salón gourmet que se organiza na comunidade galega

Presentación do salón gourmet Etiqueta Negra Mónica Patxot

O gourmet galego é un produto que, segundo o sector, cada vez ten un maior recoñecemento e proxección internacional. A pesar diso, ata agora, non existía en Galicia unha feira que puxese en contacto aos produtores cun público cada vez máis especializado e esixente. Para cubrir ese oco chega Etiqueta Negra, o primeiro salón gourmet que se organiza na comunidade galega.

A feira, que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 12, 13 e 14 de novembro, contará con máis de cincuenta propostas de alta gastronomía e alimentos singulares galegos. Abrirá as súas portas de forma ininterrompida entre as 11.00 e as 20.00 horas.

Durante estes tres días, reuniranse nun mesmo espazo produtores, distribuidores, restauradores e consumidores para coñecer as tendencias do mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

"Pontevedra non quería deixar pasar a oportunidade de ser a primeira cidade que amosa o potencial do país neste ámbito", destacou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, na presentación desta feira, que tivo lugar no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), e que supón, dixo, unha iniciativa "básica" para promocionar "o noso" e confiar na "capacidade propia" de Galicia para xerar actividade económica.

A organización da feira primou para esta primeira edición a singularidade e a orixinalidade dos produtos que se presentarán no salón, así como a súa calidade fronte á cantidade de expositores. O obxectivo principal, destacaron, é garantir ao máximo a excelencia dos produtos e o prestixio das firmas que virán a Pontevedra.

Así, Etiqueta Negra mostrará marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas e doces, conservas ou cogomelos, entre outros produtos dun total de 47 casas comerciais, todas elas galegas.

Pero non só será un salón expositivo. As actividades de Etiqueta Negra incluirán charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións ou catas comentadas. Ademais, prestixiosos chefs galegos compartirán cartel con cociñeiros emerxentes para elaborar saborosas receitas con produtos de alta calidade.

Nestes showcookings participarán Pepe Solla (Casa Solla), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Nacho Tierno (novo chef da Creperie Cre-Cottê), Guillermo Vidal (El viajero del norte) ou Dolores Valcárcel, coñecida como La Abuela Lolita do Canal Cocina. Todos eles sorprenderán ao público coas súas exhibicións de cociña e a súa creatividade nos fogóns.

Ademais, os centros de formación de hostalería tamén estarán presentes en Etiqueta Negra. O Centro Superior de Hostalería de Galicia participará nunha demostración sobre o uso da conserva na gastronomía, o CIFP Carlos Oroza innovará nos usos culinarios da lapa e da camelia e os alumnos do Obradoiro de Hostalería do Salnés elaborarán diferentes pratos con navallas, polbo e zamburiñas.

CONFERENCIAS E ZONA DE NEGOCIO

As actividades deste salón gourmet complétanse cunha mesa redonda sobre comunicación e gastronomía, unha cata de viños dirixida polo enólogo Alfonso Torrente Solaina, campión mundial desta especialidade en 2015, presentacións de diversas empresas, unha exhibición de coctelería ou degustacións de novos produtos premium.

Tamén haberá unha zona de negocios onde expositores e distribuidores poderán manter intercambios comerciais. Alí está previsto que se celebren máis de trescentas reunións de traballo. Nelas participarán oitenta distribuidores e noventa tendas gourmet de toda Galicia.

O programa completo de actividades do salón Etiqueta Negra pódese consultar nesta ligazón.