Etiqueta Negra regresará en novembro ao Recinto Feiral de Pontevedra

Pontevedra
29 de xullo 2020

A feira máis importante dos produtos gourmet que se celebra en Galicia, Etiqueta Negra, regresará á cidade de Pontevedra para celebrar a súa quinta edición. Será entre os días 6, 7 e 8 de novembro e, como sempre, no Recinto Feiral como escenario

Etiqueta Negra 2019 no Recinto Feiral Diego Torrado

A feira máis importante dos produtos gourmet que se celebra en Galicia, Etiqueta Negra, regresará á cidade de Pontevedra para celebrar a súa quinta edición. Será entre os días 6, 7 e 8 de novembro e, como sempre, no Recinto Feiral como escenario.

Os organizadores apostaron por continuar coa feira, a pesar da COVID-19, buscando o dobre obxectivo de apoiar e axudar aos profesionais do sector a relanzar os seus negocios e seguir a difundir a excelencia dos produtos delicatessen galegos.

A este respecto, Etiqueta Negra iniciou xa a comercialización do seu espazo feiral na que -como sucede desde o comezo deste evento- primarase a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores.

"Nesta edición especial imos redobrar esforzos para que sexa unha feira rendible para os expositores, atractiva para os visitantes e segura para todos", asegura a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco.

De forma temporal nesta edición, a feira adaptarase para ofrecer ao público unha experiencia gastronómica especial que será a gran novidade deste ano. Tamén cambiará o horario e haberá dúas quendas, unha de mañá de 11.00 a 14.30 e outra de tarde de 17.00 a 20.30 horas.

Etiqueta Negra abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os expositores, profesionais e público visitante. Tanto a organización do certame como o Recinto Feiral contarán cun plan de seguridade a partir das normas das autoridades sanitarias. 

Entre outras medidas establecerase o uso obrigatorio de máscara, o control do fluxo de visitantes con circuítos de entrada e saída, a desinfección e o reforzo da limpeza ou a ampliación e reordenación de espazos para garantir a distancia social.