Etiqueta Negra xa ten preparados os talleres que ofrecerá na súa terceira edición que, como se anunciara previamente, celebrarase os días 10, 11 e 12 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra.
Así, serán varias as actividades de formación dirixidas ao público xeral e a profesionais do sector que requirirán de inscrición previa.
Os amantes do aceite terán a oportunidade, o sábado 10 ás 11.30 horas, de descubrir todos os segredos do noso ouro verde dunha maneira dinámica e participativa no curso de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada promovido por Galeo.
En Enchilando a Galicia. Enchiladas de mariscos, Rómulo Mendoza, un dos expoñentes da alta cociña mexicana do momento, ofrecerá o sábado ás 17.00 horas un taller de cociña onde un dos pratos máis significativos de México, o chile, fusionarase con produtos galegos.
O chef tamén impartirá o domingo 11 ás 13.00 horas outro taller sobre como preparar as tortillas mexicanas, guacamole e salsas para acompañar á cochinita pibil.
Saborear un bo café, preparado da forma correcta, é un dos maiores praceres dos que unha persoa pode gozar a diario. Da man do barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez, propietario de El Club del Café, os asistentes a este curso aprenderán -o domingo 11 ás 11.30 horas- a preparar o perfecto café.
Ademais, o luns 12, ás 12.30 horas, introducirá aos interesados no mundo do barista, non en balde ten no seu haber o terceiro posto no Campionato Estatal de Baristas 2018.
O blogueiro e community manager Alberto Ribas ensinará como difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á rede, que terá lugar o luns 12, ás 13.00 horas, mentres que Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, amosará ás 17.30 horas diferentes técnicas de empratado a partir de tres produtos: congro afumado, lombo baixo e xeado.
A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos a través da web etiquetanegragourmet.com.