Etiqueta Negra despídese ata 2020 tras recibir máis de 8.100 asistentes

Pontevedra
12 de novembro 2019

Os expositores trasladan ademais o seu alto grao de satisfacción, que deron a coñecer e venderon os seus produtos nunha superficie feiral que creceu un 10% con respecto a 2018, demostrando que Etiqueta Negra está consolidada como a gran feira do gourmet galego

Etiqueta Negra 2019 no Recinto Feiral Diego Torrado

Un total de 8.124 persoas pasaron este ano por Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego que por cuarto ano consecutivo celebrouse no Recinto Feiral de Pontevedra.

Foron tres días de intensa actividade no que tanto profesionais o público gozaron dos produtos dos 109 expositores presentes e aprendendo da cociña en directo de grandes chefs de recoñecido prestixio como Pepe Solla, Iñaki Bretal, Yolanda León, Juanjo Pérez, Iván Domínguez, Manu Núñez, Daniel Guzmán ou Julio Soutomayor.

Catorce exhibicións de cociña en directo e 73 cursos, obradoiros, demostracións ou degustacións encheron de vida a zona de catas, a viñoteca ou o Espazo Etiqueta, que funcionaron de forma simultánea.

Por outra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron preto dun centenar de reunións de traballo.

Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra e 200 restaurantes, hoteis, empresas de catering e casas rurais.

Nestas cifras están sen contabilizar os centos de reunións que os produtores mantiveron nos seus propios postos cos 359 profesionais acreditados, que preferiron visitar as casetas para poder ver os produtos con máis calma.

Os expositores trasladan ademais o seu alto grao de satisfacción, que deron a coñecer e venderon os seus produtos nunha superficie feiral que creceu un 10% con respecto a 2018, demostrando que Etiqueta Negra está consolidada como a gran feira do gourmet galego.