Etiqueta Negra consolídase na súa segunda edición e supera os 6.400 asistentes

Pontevedra
31 de outubro 2017

A segunda edición da feira Etiqueta Negra pechou as súas portas este luns cun éxito de participación e público e consolidándose como un evento gastronómico de referencia. A cita, que contou con preto de 70 expositores, rematou cun balance de arredor de 6.400 asistentes

Última xornada de Etiqueta Negra 2017 Mónica Patxot

A segunda edición da feira Etiqueta Negra pechou as súas portas este luns cun éxito de participación e público e consolidándose como un evento gastronómico de referencia. A cita, que contou con preto de 70 expositores, xuntou nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores e rematou cun balance de arredor de 6.400 asistentes

Os organizadores e o Concello de Pontevedra farán un balance final nos vindeiros días, pero a análise provisional de asistencia apunta a que esta segunda edición tivo máis de mil espectadores máis que a primeira. En 2016 pasaron polas instalacións do recinto feiral unas 5.000 persoas

O tirón da feira demostrouse en xornadas clave como a tarde do domigno, a de maior asistencia de público, na que chegaron a crearse colas que chegaban ao exterior do recinto. Tamén en momentos como a mañá do domingo, cando houbo unha ampla asistencia a pesar de que á mesma hora había restriccións de tráfico nos accesos ao recinto feiral por mor dunha carreira en homenaxe a Javier Gómez Noia. 

A xornada deste luns tamén foi outra das claves do éxito, pois houbo público xeral que se achegou ao recinto, pero, sobre todo, moitos profesionais e estudantes do sector. Segundo as cifras facilitadas polos organizadores, o día foi moi intenso, con máis de 800 estudantes e moitos profesionais

Ademais, pasaron polo recinto representantes do ICEX do Ministerio de Economía, que estableceron contactos cos expositores para fomentar a proxección exterior dos seus produtos, e tamén responsables de grandes superficies que realizaron contactos comerciais cos encargados dos distintos stands.

A feira serviu para coñecer tendencias do mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. Entre eles, destacou polo interese despertado no público o té galego producido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e na empresa galega Orballo, dos que a Deputación Provincial impulsou unha serie de obradoiros.