Do 27 ao 29 de maio, a UNED Pontevedra ofrece un curso sobre un tema polémico centrado na ética e a bioética.
A relatora será Victoria Lojo Vicente, integrante do Comité de ética asistencial da área sanitaria de Vigo e do Consello de Bioética de Galicia; profesora asociada no Grao de Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo e profesora-titora do grao de Antropoloxía no centro de Pontevedra.
O curso está dirixido por Manuel Artime Omil, profesor-titor do Centro Asociado á UNED de Pontevedra nos graos de Filosofía e Antopología Social e Cultural.
A duración será de 10 horas lectivas e o custo da matrícula é de 25 euros.
Durante as xornadas analizaranse os valores morais no ámbito social da vida cotiá, e tamén na actividade académica e laboral.
En relación coa bioética haberá unha introdución na relación clínica dos valores democráticos que fundamentan a vida civil. Estudaranse as repercusións derivadas das ciencias médicas na enfermidade, na vida e na morte das persoas.
Segundo os docentes deste curso debe evitarse a confusión entre a bioética e a relixión, expoñendo que a moral laica será a única que serve de base para esta disciplina.
O curso inclúese dentro do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que coordina Rafael Cotelo Pazos.
As persoas participantes poderán seguir o curso presencialmente ou en liña, tanto en directo como en diferido, sen necesidade de acudir ao centro situado en Monte Porreiro.