Estudantes de Poio fan unha análise crítica sobre o que consumen na rede

Poio
21 de novembro 2023

Este obradoiro está incluído dentro da campaña do 25N do Concello de Poio, centrada este ano no uso das novas tecnoloxías e no consumo do móbil nas idades máis novas

Obradoiro "Que vexo no youtube" Concello de Poio

Alumnado do IES de Poio participou este luns no obradoiro "Que vexo no youtube", dentro da campaña "A violencia machista vai contigo, que non te enr@den" organizada polo Concello de Poio para conmemorar o 25 de novembro. Ademais desta actividade, a Caravana Morada tamén estivo toda a mañá aparcada no patio do centro escolar para repartir material e información relacionada con estes contidos.

A través deste obradoiro, máis de un centenar de rapaces de terceiro da ESO recibiron información e as directrices para que sexan capaces de facer unha análise crítica sobre os vídeos que consumen a través de youtube, proporcionándolles unha visión de xénero, reconstruíndo as mensaxes sexistas que reciben e propoñendo novos modelos baseados na equidade e no bo trato.

Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, un número considerable de preadolescentes, adolescentes e mozos viven en constante conexión coas súas youtubers favoritas, mozos que soben os seus propios vídeos ás redes sociais, e nos que, ademais de falar sobre videoxogos, beleza ou outras cuestións, tamén inclúen a súas opinións persoais, moitas veces cargadas de roles e estereotipos sexistas.

Ademais, recordan que o 50% dos menores de entre 11 e 13 anos viron pornografía en internet, por iso destacan a importancia da campaña deste ano, para intentar concienciar, formar e involucrar ás idades máis novas: "todos levamos un móbil no noso bolsillo, por iso a violencia machista pode ir con todos. É a nosa obriga que non nos enreden, que saibamos dar un bo uso das novas tecnoloxías", destaca a concelleira. 

A campaña do Concello de Poio xa comezou no mes de outubro e se desenvolverá ata o 20 de decembro, e este ano convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías, en especial, entre os máis novos, e lembrar que hai que poñer normas e límites para facer un bo uso delas e redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias. Por iso, céntrase especialmente en obradoiros, teatros e exposicións para concienciar aos máis novos.

Así, a finais de novembro tamén se organizará un obradoiro sobre violencia nos videoxogos, cunha charla teatralizada para o alumnado de sexto de primaria de todos os colexios de Poio e no que unha psicóloga experta en xénero analizará, coa axuda do alumnado, os contidos dos videoxogos máis populares, debatendo sobre os valores, modelos e estereotipos ou roles de xénero que transmiten. Xa en decembro, o instituto acollerá a exposición "Chicas Nuevas 24 horas", baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación de mulleres e nenas así como a pornografía.

VÍDEO INSTITUCIONAL E CAMIÑO VIOLETA

Os máis novos tamén son protagonistas do vídeo institucional que se vai emitir o próximo domingo, 26 de novembro, durante a andaina Camiño Violeta. Nas redes sociais do Concello de Poio xa se pode ver un adianto, no que alumnado de secundaria conta as súas propias experiencias, pero o vídeo completo proxectarase o domingo. 

Para ese día, o Concello de Poio organiza, en colaboración con ASAMPO, unha andaina para sensibilizar sobre a violencia machista que parte do Parque da Memoria ás 9.00 horas, para chegar a Lourido ás 10.30 horas aproximadamente e será, nese momento, cando se proxectará a peza audiovisual da campaña e se lerá o manifesto do Consello Municipal da Muller, para rematar cunha actuación musical. A segunda parte da andaina transcorrerá entre Lourido e Pontevedra, facendo un percorrido de 1,7 km que inclúe a zona monumental e remata na Praza de España.