Estudan que Loureiro Crespo teña sentido único de circulación tras a súa reforma integral

Pontevedra
14 de marzo 2017

A reforma integral da rúa Loureiro Crespo, entre Antón Fraguas e a avenida de Lugo, será unha das obras estrela que afrontará o Concello de Pontevedra ata final de mandato. Así o destacou o concelleiro Luís Bará, que desvelou que o goberno municipal estuda acompañar esta rehabilitación cunha reordenación do tráfico

Luis Bará, concelleiro de Obras do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

A reforma integral da rúa Loureiro Crespo, entre Antón Fraguas e a avenida de Lugo, será unha das obras estrela que afrontará o Concello de Pontevedra ata final de mandato. Así o destacou o concelleiro Luís Bará, que desvelou que o goberno municipal estuda acompañar esta rehabilitación cunha reordenación do tráfico.

Bará explicou que aínda non está decidido, pero o Concello inclínase por converter Loureiro Crespo nun viario de entrada á cidade desde a avenida de Lugo, suprimindo o dobre sentido de circulación. Esta medida permitiría ampliar as beirarrúas e crear novos espazos públicos no barrio, ademais de optimizar as prazas de aparcadoiro.

Sería tan só desde a pasarela do tren ata a avenida de Lugo. O resto da rúa manterá a súa configuración habitual. Así, entre a pasarela e o antigo cuartel da Garda Civil seguiría habilitado o dobre sentido e entre o cuartel e a rúa Antón Fraguas tería un sentido único de entrada, como na actualidade.

O edil do BNG entende que é a medida máis "lóxica", xa que na rúa paralela a Loureiro Crespo, a da Estrada, a circulación é de saída e na contorna de Valdecorvos e dos xulgados da Parda existe dobre sentido.

A actuación podería repartirse por fases e terá, por tanto, solucións diferentes en cada un dos seus tramos.

CRUZ VERMELLA

Pola súa banda, outra asistencia técnica está a realizar os estudos para o proxecto de reforma da rúa Cruz Vermella. Actuarase no tramo no que non se fixo ningunha rehabilitación.

Ademais, as obras realizaranse tamén na contorna do colexio Vidal Portela e na rúa Salustiano Portela. Como melloras, o Concello espera que as empresas accedan a realizar algunha intervención na Praza da Castaña, tal e como reclaman os veciños.