Estudan a implantación dun novo parque empresarial en Portas

Umia
18 de marzo 2025

O Concello de Portas abriu conversacións coa Zona Franca de Vigo para explorar a posibilidade de habilitar solo industrial no municipio

Reunión de traballo entre a Zona Franca e o Concello de Portas
Reunión de traballo entre a Zona Franca e o Concello de Portas Zona Franca de Vigo

Primeiros pasos para tentar que Portas poida contar cun parque empresarial.

O Concello abriu conversacións coa Zona Franca de Vigo para explorar a posibilidade de habilitar solo industrial no municipio.

Foi a través dunha reunión que contou coa presenza do delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e con varios representantes da corporación local, incluíndo a membros do grupo de goberno pero tamén da oposición.

Participaron de feito ademais do alcalde, Ricardo Martínez, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez e os edís da oposición Manuel Flores e Ekateryna Guryanova.

A iniciativa parte do interese mumicipal por dispor de solo industrial co que acoller empresas e fixar emprego.

O ámbito de actuación onde se pretende situar o parque empresarial está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Trátase do SUD-03 (Sector de Solo Urbanizable Industrial-A Peroxa), cunha superficie aproximada de 70.000 metros cadrados que implicaría a posibilidade de destinar case 50.000 de superficie útil para solo industrial con boa conexión e accesibilidade ás principais infraestruturas viarias.

"É pronto para poder fixar unha posición sobre a viabilidade dun parque empresarial para Portas, que imos estudar, pero sen dúbida é unha vantaxe que goberno e oposición veñan unidos nunha demanda común", explicou tras o encontro o representante de Zona Franca, David Regades.

Será persoal técnico do Consorcio, avanzaron, quen estude nas próximas semanas o ámbito de actuación para poder determinar a súa idoneidade.