Estudan engadir unha parada máis para o Bus Urbano na contorna de Eduardo Pondal

Pontevedra
16 de xullo 2022

O Concello de Pontevedra asegura que a creación da mesma é posible logo da normalización do servizo, que logrou encaixar os tempos das liñas e podería asumir sen problemas este novo punto de recollida e baixada

Parada do autobús urbano Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra segue a estudar e mellorar o servizo de transporte público na cidade. Sobre as novas liñas do Bus Urbano, que comezaron a funcionar en outubro do pasado ano, o Goberno local cre que "demostraron ter un funcionamento positivo e correcto, mais que debe seguir sendo optimizado".

Nese sentido, a área de Mobilidade está a estudar a creación dunha nova parada na contorna de Eduardo Pondal.

O novo punto de recollida e baixada de pasaxeiros estaría situado na rúa Doce de novembro, entre as rotondas da rúa Teixoxeira e Eduardo Pondal. A súa situación permitiría unha maior comodidade aos usuarios que usan este transporte, xa que ofrecería a posibilidade de coller o bus nun punto intermedio entre as paradas xa existentes na zona.

"A posibilidade da instalación da nova parada é posible logo de comprobar como o servizo pode asumilo sen ver deteriorado a calidade deste en base aos seus tempos", afirman dende o Concello. Así, o correcto funcionamento do Bus Urbano e a posibilidade de cumprir os traxectos en hora permite certo marxe e dinamismo á hora de procurar novos puntos de recollida e baixada sen que se resinta neste eido o transporte.

Doutra banda,o Concello lembra que "continúa co traballo de optimización das liñas", recollendo as peticións dos usuarios e procurando que o servizo siga o seu camiño, detectando posíbeis fallos e corrixíndoos.

Así, xa foi anunciada a creación doutra nova parada, a petición dos usuarios, na liña que conecta a cidade con Montecelo, no lugar de Moldes, no entronque entre a estrada de Ponte Caldelas e a ronda Leste.