Adif cedeu ao Concello os falsos túneles da rúa Médico Ballina, A Seca, 12 de novembro e da vella ponte do ferrocarril en Monte Porreiro. Trátase de máis de 20.000 metros que servirán para resolver necesidades de tránsito peonil e ciclista nestas zonas, segundo explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará.
Estas cesións serán por un prazo de 75 anos e sen o pagamento dun canon. Durante este tempo, o Concello ten previsto destinar estes falsos túneles a espazos para parques, xardíns e zonas para uso peonil e ciclista.
Bará explicou este luns 2 de febreiro que para a superficie situada no 12 de novembro, de case 9.000 metros cadrados, está a estudarse a posibilidade de crear un espazo para aqueles afeccionados á práctica do skate. O concelleiro apuntou que non se trataría dun skate-park senón dunha zona na que se puidese desenvolver este deporte da mesma forma que os mozos o practican en distintos puntos da cidade, con escaleiras e varandas. Ademais, quérese dotar a este punto da cidade dun espazo de xogo.
Tamén está previsto un parque infantil, un espazo polivalente e dunha zona verde a Médico Ballina, ao longo dunha superficie de máis de 2.600 metros cadrados, cun falso túnel de 126 metros lonxitudinais. No falso túnel da Seca a cesión é de máis de 8.300 metros cadrados que se destinarían para uso veciñal.
Por outra banda, na comisión de Mobilidade realizouse un repaso das obras urbanas en marcha e Luís Bará convidou os grupos da oposición para facer unha visita cos técnicos aos traballos realizados na contorna de Pasarón, no Burgo.