Estiman que Ence crearía 32 novos postos de traballo directos se continúa na ría

Pontevedra
30 de marzo 2015

Os integrantes do comité de empresa da fábrica mantiveron unha xuntanza con Jacobo Moreira, despois de ter anunciado a aposta do Partido Popular local pola continuidade da pasteira na súa actual localización na ría
 

Xuntanza do comité de empresa de Ence con Jacobo Moreira (arquivo) Mónica Patxot

O comité de empresa de Ence mantivo na mañá deste luns 30 de marzo unha reunión na sede do Partido Popular co candidato á alcaldía, Jacobo Moreira, tras anunciar a súa aposta pola continuidade da fábrica pastera na ría de Pontevedra.

O voceiro do PP insistiu en que Ence ten que xerar máis emprego e de calidade e transmitiu aos traballadores que a súa intención é que Ence mellore as medidas medio ambientais: "si la ley les da un cinco, que ellos lleguen a un 10", apuntou.

En relación coa creación de máis postos de traballo, Moreira afirmou que lle parece unha frivolidade cifrar en números redondos o emprego e reclamou un cambio de actitude para que a empresa devolva pouco a pouco todo o que lle deu esta cidade, sinalou. E engadiu: "tengo que trabajar para el futuro de Pontevedra, con las luces y las sombras que haya tenido la empresa pero bajo mi punto de vista, igual estoy equivocado, creo que en este momento lo mejor es que la empresa siga".

Pedro Soto, presidente do comité de empresa de Ence, mostrou a súa gratitude polo convite de Jacobo Moreira: "por fin, alguén se pronuncia dunha forma sensata". O representante dos traballadores explicou que non entende que se poidan pechar tantos postos de traballo e que "estando a cidade tan bonita sexa unha cidade durmitorio e que non se pense en que a xente ten que traballar", en referencia ao goberno local. Pedro Soto reclamou sensibilidade por parte dos políticos.

Neste sentido, destacou que cre que a postura do Partido Popular local vai influír moito na decisión que se adopte dende o Goberno Central para a continuidade de Ence na ría despois de 2018, cando finaliza a concesión.

32 NOVOS POSTOS DE TRABALLO DIRECTOS

En canto á creación de postos de traballo, Pedro Soto indicou que o comité de empresa ten o compromiso da dirección de Ence de crear máis postos de traballo a partir da consolidación: "Haberá que traer máis madeira e máis biomasa e iso creará postos indirectos. Xenera postos, se agora hai 5.000 postos indirectos en Galicia, se aumenta serían 6.000 ou non sei cantos".

Non obstante, a cifra de creación de postos de traballo na fábrica sería dun 10% respecto ao actual equipo que está conformada por 320 traballadores.

Pedro Soto sinalou que se a empresa continúa en Lourizán ten previsto realizar un investimento para producir 40.000 toneladas máis ao ano. Segundo o presidente do comité, ese investimento crearía emprego inmediato na produción, ademais de xerar emprego indirecto. Neste sentido afirmou que se podería aumentar a produción cun cambio de maquinaria: "En Navia, no mesmo recinto producen agora o dobre".