Esther Couceiro é a nova directora da fábrica de Ence en Pontevedra.
Na factoría de Lourizán, Esther Couceiro leva dende 2007 asumindo diferentes responsabilidades, como directora de persoas e organización de celulosa ou directora de producción de enxeñería de procesos entre outras responsabilidades. Anteriormente, tamén pasou pola fábrica de Navia como xefa de deportamento de producción e por Huelva onde foi a xefa de Medio Ambiente.
Dende 1998 e ata o ano 2000 foi a responsable de sistemas de xestión en Elnosa (Electroquímica del Noroeste S.A.).
O ata agora director da fábrica de Pontevedra, Paulo Gaia, pasará a liderar o novo Centro de Excelencia de Operacións de Celulosa que Ence vén de poñer en marcha. Trátase dunha "innovadora proposta chamada a impulsar a optimización de todos os procesos desde a materia prima ata o produto final, potenciando a dixitalización e o uso das máis avanzadas técnicas e tecnoloxías de maneira conxunta nas súas fábricas", segundo explica a compañía.
O Centro de Excelencia constitúese como unha unidade con sede virtual, que traballará de maneira conxunta cos equipos das fábricas de Pontevedra e Navia para alcanzar os seus obxectivos e mellorar os resultados operativos de ambas as instalacións.
Neste sentido, o director xeral de Celulosa, Jordi Aguiló, sinalou que esta nova organización "vai estar ligada á operación, traballando de forma compartida e dando servizo ás biofábricas. Une, nunha mesma estrutura, a parte de procesos, de datos e de dixitalización. Sen dúbida, este centro é clave para seguir avanzando na mellora continua dos nosos procesos".
Entre os obxectivos desta nova estrutura atópanse: "a mellora dos procesos e do produto, optimizando todas as variables de operación que permitan conseguir a máxima eficiencia nas operacións, e a excelencia na calidade e o servizo ao cliente, o medioambiente e a seguridade. Ademais, centrarase en establecer procedementos de operación máis robustos, e impulsar a formación. Todo iso da man das novas tecnoloxías, facendo uso da análise de datos e ferramentas de intelixencia artificial, entre outras".
A compañía tamén comunicou que o ata agora director de Ence Navia, Luis Claudio Zynger, desempeñará as funcións de director industrial de Celulosa, mentres que Maria Luz Sánchez inicia unha nova etapa como directora da fábrica asturiana de Ence.