Un total de 114 entidades de 21 concellos da provincia recibirán as achegas da Deputación de Pontevedra para actuacións no ámbito social.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López informou destas subvencións aprobadas este venres pola Xunta de Goberno, ás que se destina un orzamento de case medio millón de euros e que están dirixidas a colaborar coas entidades sociais da provincia "para que poidan desenvolver actividades e proxectos destinados a apoiar a persoas e colectivos en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade".
Luis López indicou que esta liña de subvencións ten un gran arraigamento na provincia, e supera o centenar de solicitudes cada ano. Son achegas que benefician de maneira directa a 5.000 persoas e indirectamente, a 15.000. Das entidades beneficiadas, un total de 54 están radicadas en Vigo e outras 16 en Pontevedra.
As contías destas achegas oscilan entre os 3.132 e os 5.699 euros.
En Pontevedra beneficiarán á Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O, para a posta en marcha dunha actividade de capacitación informática dirixida á integración laboral de persoas con diversidade funcional; á Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos Alba, que impartirá un taller de cerámica para persoas con trastorno mental severo e persistente; á Asociación Filantrópica Inclusión Social Activa, para desenvolver un proxecto de capacitación persoal e laboral a través da reciclaxe téxtil; á Asociación Alcer, cunha actividade de apoio psicosocial e nutricional na enfermidade renal ou tamén á Asociación Alcohólicos Rehabilitados de Pontevedra, que ofrecerá unha terapia de integración, asistencia domiciliaria e telefónica a persoas alcohólicas e familias.
Outras entidades para as que se aprobaron achegas son a Asociación Amizade, que realiza un proxecto de rehabilitación funcional; a Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes de Galicia, para desenvolver o programa Somos Tipo1; a Asociación Juan XXIII, que xestiona unha vivenda de respiro familiar; a Asociación para el Desarrollo Educativo y Cultural, que porá en marcha un proxecto de sensibilización para a prevención do suicidio e condutas lesivas; a Asociación para la Promoción de la Salud Amaina, que levará a cabo unha intervención no medio penitenciario e Rexurdir Provincial, para apoio aos procesos terapéuticos que desenvolve.
Tamén se beneficiarán Cáritas Diocesana, que recibirá unha subvención para axuda da cobertura de necesidades básicas de atención primaria; a Federación Aspace Galicia, que realizará tarefas de información e asesoramento legal para persoas con parálise cerebral e as súas familias; a Federación Down Galicia, que contará cunha achega para levar a cabo un programa de emprego con apoio na provincia; a Fundación Amigó, para o proxecto Convivindo e, por último, a Fundación Tutelar Galega Sálvora, para un proxecto de apoio na toma de decisións na saúde.