Estes son os plans de ENCE para o Pazo de Lourizán

Pontevedra
12 de febreiro 2017

Entre outros obxectivos, os responsables da fábrica de celulosa esperan que este centro de investigación traballe na "loita contra pragas, o desenvolvemento de plantas melloradas, asesoramento e asistencia ao propietario forestal e o impulso á ordenación forestal", así como ser un centro de documentación e formación

Traballo nun laboratorio

Este luns 13 de febreiro, ás doce e media da mañá, terá lugar na institución provincial unha reunión entre a Xunta e a Deputación para falar do futuro do Pazo de Lourizán.

Na reunión, o vicepresidente do executivo galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, trasladarán a proposta da empresa Ence dun novo centro de I+D Forestal, que ocuparía unha parte das instalacións do Pazo de Lourizán e que "tamén contribuirá á creación de novos empregos cualificados".

Segundo puido saber PontevedraViva, os responsables da empresa pasteira insistiron en que "para o correcto funcionamento" do centro especializado "é preciso contar cunhas instalacións en bo estado e adecuadamente dotadas". Para iso, Ence destinaría ata 5 millóns de euros ao proxecto de restauración do histórico inmoble que, ademais, "contribuiría a solucionar definitivamente a súa actual situación de deterioración".

Entre outros obxectivos, os responsables da fábrica de celulosa esperan que este centro de investigación traballe na "loita contra pragas, o desenvolvemento de plantas melloradas, asesoramento e asistencia ao propietario forestal e o impulso á ordenación forestal", así como ser un centro de documentación e formación.

Outros dos destinos do centro serçia o desenvolvemento de proxectos no ámbito da bioeconomía", e citan desde Ence exemplos como a "investigación e desenvolvemento de novos produtos derivados da celulosa", é dicir, nanocelulosas, novos materiais ou fibras de carbono. A compañía pasteira suxire que estes proxectos poderían realizarse conxuntamente coa Universidade de Vigo no seu campus de Pontevedra.

Unha das ideas máis ambiciosas de Ence é o "desenvolvemento dun proxecto de biorrefinería para valorizar a lignina". E explican que a utilización da tecnoloxía máis avanzada no sector da celulosa, "supón un máximo aproveitamento dos recursos forestais e un elevado potencial de creación de emprego, situando a Pontevedra na vangarda do I+D do sector".

Finalmente conclúen que a creación deste novo centro, dentro do recinto do Pazo de Lourizán, servirá "para aproveitar as sinerxias cos demais centros xa presentes no mesmo, estando todos eles orientados á mellora forestal e do medio ambiente".

A propiedade do Pazo de Lourizán é da Deputación, aínda que a súa xestión e conservación está en mans da Xunta en virtude dun convenio que está en vigor ata o ano 2021.