Este venres ábrese o período para reservar praza nas visitas guiadas de marzo ao interior de Santa Clara

Pontevedra
17 de febreiro 2022

O prazo ábrese a partir das 17.00 horas deste venres 18 de febreiro. As persoas interesadas deberán encher o formulario que figura na páxina web www.santaclarapontevedra.gala>

Unha das visitas guiadas ao interior do convento de Santa Clara
Unha das visitas guiadas ao interior do convento de Santa Clara / Concello de Pontevedra

Ás 17.00 horas deste venres 18 ábrese o prazo para inscribirse nas reservas para realizar visitas guiadas durante o mes de marzo ao interior de Santa Clara. Segundo informa o goberno local de Pontevedra, as persoas interesadas en participar deberán encher o formulario que figura en www.santaclarapontevedra.gal.

Os visitantes que xa participaron desta actividade neste mes de febreiro non poderán solicitar praza nestas visitas. Desta forma, o Concello de Pontevedra quere permitir que un maior número de persoas poidan ter a oportunidade de participar nesta iniciativa.

A área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra programou a apertura destas novas visitas ao interior do antigo convento de Santa Clara para que a cidadanía coñeza un dos espazos máis singulares da cidade, despois de que este recinto fose adquirido polo Concello.

Xaquín Moreda, responsable da área, sinala que Santa Clara poderá visitarse durante as fins de semana do mes de marzo, cada sábado e domingo, a través de catro visitas diarias. A previsión é que máis de 600 persoas poidan coñecer en primeira persoa este espazo acompañadas por unha guía profesional e un asistente.

Desde o Concello recomendan que as persoas interesadas se apunten con rapidez porque na anterior convocatoria as reservas esgotáronse en menos de vinte minutos. En todo caso, Moreda indica que se programarán máis visitas mentres exista unha demanda real por parte da poboación por coñecer o interior de Santa Clara.

A concellería traballa en establecer actividades de lecer e cultura para este recinto, como xa sucedeu coa organización de Urbtopiasdurante a visita do consello da Placemaking  Europe á cidade.