Este mércores conclúe o cribado de poboación nas farmacias para detectar casos covid

Pontevedra
23 de marzo 2021

As 381 farmacias da provincia de Pontevedra participantes incorporaron ao cribado a 40.460 persoas. Durante este período iniciado a mediados de febreiro detectáronse 74 casos activos, unha cifra que supón o 0,2% de positividade

O conselleiro de Sanidade e a presidenta do Colexio de farmacéuticos visitan unha farmacia en Cambados Xunta de Galicia

Este mércores 24 de marzo finaliza o programa desenvolvido nas farmacias para a detección do virus SARS-CoV-2 entre a poboación da provincia de Pontevedra. Esta iniciativa desenvólvese desde o 9 de febreiro a través do sistema de auto recollida de mostras de saliva.

A entrega dos tubos de mostra pódese realizar ata este mércores. Ata o momento, o balance que realizan a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra é "moi positivo" porque o  cribado permitiu detectar a presenza de 74 casos activos asintomáticos, que podían transmitir o virus. A cifra supón o 0,2% de positividade entre todas as mostras realizadas.

381 farmacias da provincia participaron nesta campaña cun cribado realizado a 40.460 persoas. O Laboratorio de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo encargouse de analizar 38.125 mostras por PCR aplicando a coñecida como técnica de pooling.

Alba Soutelo, presidenta do Colexio de Farmacéuticos, sinala que este  cribado de pontevedreses con idades comprendidas entre 40 e 64 anos termina este mércores, pero a colaboración entre o Colexio que preside e a Consellería de  Sanidade mantense na loita contra a covid-19. Avanza que é moi probable que despois de Semana Santa póñase en marcha outro cribado con outro rango de idade en colaboración coas farmacias da provincia.