Sorprendente cambio de rumbo por parte das autoridades sanitarias en Galicia. Ás 20.30 horas deste martes 28 de decembro, a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés anunciaba, a través dun comunicado, que este mércores 29 finalizarán coa quenda da mañá as probas PCR sen cita que se programaron no lateral do Hospital Provincial, cando estaba previsto que esta campaña continuase ata o 8 de xaneiro de 2022.
Desde o Sergas xustifícase esta decisión cun só argumento: que a pandemia entra nunha "fase de mitigación" a pesar de que os casos activos continúan aumentando.
O cambio nos protocolos provoca diversas novidades:
O novo número de teléfono de información sobre o coronavirus é o 881.540.045. O anterior número (900.400.116) foi desactivado, segundo o Sergas.
Unicamente efectuaranse probas PCR a sintomáticos. Os contactos estreitos só estarán sometidos a unha PCR o quinto día do contacto.
Como xa se indicou anteriormente, déixanse de realizar probas PCR sen cita. A partir deste 29 de decembro realizaranse test de antíxenos, xa sexan nasofarínxeos ou en saliva, con autocita. A autocita deberá solicitarse a través da aplicación Sergas Móbil ou na páxina web do Sergas.
En relación coas chamadas aos positivos, será a Central de Seguimento de Contactos quen contactará con eles, realizará unha enquisa epidemiolóxica, pediralles a lista de contactos e xestionará unha cita telefónica co Médico de Atención Primaria. Só vai facerse unha chamada o primeiro día para as Incapacidades Temporais e unha avaliación clínica; e unha segunda e última chamada o día décimo, tras a toma da mostra, para dar a alta e levantar o illamento. Deixarase de realizar o seguimento diario, a través de chamada, durante o período de illamento.
CONTACTOS ESTREITOS
Neste caso, o Sergas divídeos en corentenados ou exentos de corentena:
- Os contactos estreitos corentenados. A Central de Seguimento de Contactos solicitará só unha PCR durante o período de corentena a partir do quinto día desde o último contacto con caso confirmado.
Deixarase de facer seguimento diario dos contactos estreitos en corentena, só serán chamados dúas veces: o primeiro día, para comunicarlle o inicio da corentena e o día décimo para informar da finalización deste período. Ademais, enviarán desde a Central un SMS con instrucións sobre as medidas de illamento e información sobre a solicitude da PCR que será realizada tamén pola Central de Seguimento de Contactos.
Se o contacto estreito presenta síntomas durante a corentena deberá chamar ao 881.540.045 ou solicitará cita telefónica co médico de Atención Primaria en xornada ordinaria ou co Punto de Atención Continuada noutro tipo de xornada non laborable en Atención Primaria.
- Contactos estreitos exentos de corentena.
Os contactos estreitos completamente vacinados na data do último contacto con caso confirmado estarán exentos de realizar corentena, agás que se trate de persoas inmunodeprimidas, persoas nas que Saúde Pública confirme que a infección do caso do que se é contacto estreito é unha variante do SARS-CoV-2 Beta ou Gamma, ou se adquiriu dun visón.
As persoas asintomáticas que sufriron unha infección por SARS-CoV-2 confirmada nos 180 días anteriores e son contactos estreitos permanecerán tamén exentas de corentena. Atenderanse as mesmas excepcións establecidas para as persoas completamente vacinadas.
As persoas que traballan en centros sanitarios tamén estarán exentas de corentena se están vacinadas e no seu centro de traballo utilízanse os equipos de protección individual (EPI) adecuados.
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa sinalara ao mediodía deste martes en rolda de prensa do comité clínico que se estudarían os protocolos para reducir a presión que estaban sufrindo os profesionais da Atención Primaria debido ao espallamento da variante ómicrom.